Gandeiros viaxarán a Nova Zelanda para coñecer a produción láctea baseada no pastoreo
Unha vintena de gandeiros e gandeiras con granxas de pastoreo ou ecolóxicas e persoal técnico e investigador viaxarán a comezos de decembro a Nova Zelanda coa Asociación para a desintensificación no agro (AEDA) para coñecer de primeira man proxectos produtivos e de investigación que se desenvolven nese país, cunha produción láctea baseada no pastoreo.
A área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo apoia esta iniciativa coa que a delegación galega, que viaxa do 7 ao 16 de decembro, visitará granxas, empresas de selección xenética e de produción de sementes e mesturas, organizacións de produtores e cooperativas de transformación, así como campos de investigación e centros experimentais.
“O centro de interese que guía a viaxe é a produción en base a pastoreo. Unha cuarta parte das exportacións neozelandesas está ligada á produción láctea, que se realiza fundamentalmente en sistemas produtivos fundamentados no uso da herba. Un uso intensivo, con técnicas produtivas punteiras. Por iso, Nova Zelanda segue a ser o sitio onde os custos de produción son os máis baixos”, explicou o coordinador da visita e responsable de AEDA, Xan Pouliquen, durante a reunión coa deputada Iria Castro.
A área de Rural apoia esta actividade formativa no marco da colaboración que mantén coas asociacións agrogandeiras e profesionais vinculadas ao sector primario que promoven a mellora da competitividade das granxas, así como a sustentabilidade, a diversificación e a multifuncionalidade dos sectores agrario e gandeiro.
Nesa liña, tras a viaxe, organizarase unha xornada na que se presentarán os resultados deste intercambio de cara a implementar técnicas de pastoreo máis eficientes tanto desde o punto de vista produtivo como económico en gandeirías de vacún da provincia e do resto do país.