Goberno e Federación celebran a primeira xuntanza para debatir sobre o bus
O tenente Alcalde, Rubén Arroxo, xunto co edil de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas recibiron esta mañá no concello a dous representantes da Federación Veciñal de Lugo. No encontro o Tenente Alcalde propuxo celebrar unha nova xuntanza a vindeira semana con tres representantes da Federación, para analizar as distintas reclamacións emitidas sobre o novo modelo de bus urbano. Rubén Arroxo afirmou que “a representación da Federación non explicou hoxe cales son as reclamacións concretas sobre o bus urbano” e engadiu que “desde o Concello de Lugo seguimos abertos a novas xuntanzas para explicar o funcionamento do bus urbano”
“Nestes meses recibimos a centos de persoas e vimos que a maioría das reclamacións sobre o novo modelo de liñas non eran máis que a confusión que un cambio integral como este pode traer”, explicou o Tenente Alcalde, que engadiu “tratouse de veciñanza que, como é entendible neste tipo de cambios, entendeu mal os novos percorridos e o cambio na numeración das liñas, e ás que lles explicamos cales serían os percorridos máis axeitados co novo modelo para as súas viaxes máis habituais”.
Rubén Arroxo afirmou que “despois de analizar os distintos comunicados emitidos pola Federación Veciñal, vimos que moitas destas solicitudes reclamaban cuestións que xa están cubertas polas novas liñas de bus, polo que na vindeira xuntanza analizaremos coa representación que a Federación escolla as distintas peticións e explicarémoslles como funciona o novo sistema”.