Gomeán acollerá este domingo a súa Feira do Ano, organizada pola asociación O Salgueiriño

A carballeira de Gomeán, no concello do Corgo, acollerá o vindeiro domingo 10 de agosto unha nova edición da tradicional Feira do Ano de Gomeán, organizada pola Asociación de Veciños O Salgueiriño, que continúa así coa recuperación das antigas feiras que se celebraban nesta localidade corguesa.
A presentación do evento tivo lugar no xardín do Pazo de San Marcos, onde participaron representantes da asociación organizadora e o deputado de Rural, Daniel García, quen destacou “o traballo da asociación para revitalizar e reivindicar a tradición rural e gandeira do Corgo coa celebración desta feira, cun programa moi variado que implica a ganderías e profesionais do concello e da comarca”.
A xornada dará comezo ás 10:30 horas coa apertura da feira, que se prolongará durante todo o día cunha ducia de demostracións de oficios artesáns e actividades ligadas á vida tradicional no rural e á agrogandeiría. Entre as propostas destacan unha exhibición de poda e rescate en altura, o III Concurso Provincial de Manexo de Porco Celta, e obradoiros de cantería, cestería, cerámica, torneado de madeira, zocas, elaboración de lámpadas de cabaza ou teitado con palla, a cargo do recoñecido teitador Juan de Burbia, de O Piornedo. Tamén haberá unha exhibición de voo de cetrería.
O campo da feira contará, ademais, cunha mostra de razas autóctonas, unha exposición de maquinaria agrícola clásica grazas á colaboración de Muvicla, e un espazo de xogos tradicionais dirixido por Xotramu. Completará a oferta unha exposición fotográfica sobre a historia de Gomeán.
No ámbito gastronómico, os asistentes poderán desfrutar dun menú degustación a base de empanada de carne de cachena da gandaría O Antonxo de Gomeán e unha ración de porco celta ao espeto da gandería Outeiro da Manzadán de Rioseco, por 15 euros. A media mañá tamén se ofrecerán petiscos de galiña de Mos e cordeiro de ovella galega da granxa Aeiroá, a 2 euros.
Programa
- 10.30 h – Apertura da feira
- 11.15 h – Pasarrúas a cargo de A Legua Dereita
- 11.30 h –Petiscos de Galiña de Mos e cordeiro de ovella galega (Granxa Aeiroá); Exhibición de poda e rescate en altura (Poda en altura Galicia) e III Concurso provincial de manexo de porco celta
- 12.00 h – Actuación musical de Os Monifates
- 12.00 h – Exhibición de voo de cetrería (Las Águilas de Valporquero)
- 13.10 h – Nova exhibición de poda e rescate en altura
- 13.30 h – Entrega de premios do concurso de porco celta e inicio do menú degustación
Demostracións de oficios artesáns (durante todo o día)
- Cantería con José Luis López
- Lámpadas de cabaza con Blas Piñar
- Torneado de madeira
- Zocas con Álvaro Pin
- Cerámica con Ceniza de papel
- Tear con Miriam Fernández
- Teitado tradicional con Juan de Burbia (O Piornedo)
- Xogos tradicionais con Xotramu
- Simulador de tiro da Federación Galega de Caza
Mostras e exposicións
- Animais de razas autóctonas
- Maquinaria agrícola clásica con Muvicla
- Exposición de fotografía antiga sobre a historia de Gomeán