Gómez Besteiro apoia á cooperativa A Carqueixa polo seu compromiso co rural
A organización, que acaba de recibir unha axuda de 50.000 euros do Goberno de España para a súa liña de elaborados, é a única en Galicia que practica a transhumancia e marcouse como obxectivo pechar o ciclo da produción de gando sen intermediarios: “desde a cría ata a comercialización”.
“Fixar poboación no rural grazas a un proxecto 100% sostible e que involucra a varias xeracións é o modelo de cooperativa que o Goberno de Pedro Sánchez apoia e no que os socialistas de Lugo vémonos reflectidos”. José Ramón Gómez Besteiro reuniuse en Cervantes coa xunta directiva da Carqueixa para falar dos seus proxectos máis inminentes como o peche do ciclo de produción de gando en ecolóxico, a súa aposta pola comercialización directa ou a próxima ampliación da tenda que a cooperativa ten na Praza de Abastos de Lugo.
A Carqueixa, que recibiu recentemente unha subvención de 50.000 euros do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación para a súa liña de elaborados -axuda que coincidiu con José Ramón Gómez Besteiro como delegado do Goberno en Galicia- atopou no candidato socialista a un firme defensor dos valores que transmite e representa, e un apoio nas súas demandas ante o Goberno galego para que impulse medidas como a promoción do sacrificio de proximidade “tal e como xa fan, por exemplo, en Asturias”.
Formada por 215 socios de diferentes xeracións, é a única organización en Galicia que aínda practica a transhumancia percorrendo coas súas reses os 20 quilómetros que separan os seus pastos dos Ancares leoneses, criándoas en liberdade. A súa “gandería heróica” contribúe a manter os prados e montes limpos, reducindo de forma importante o risco de incendio, ademais de contribuír ao crecemento económico sostible da zona na que se asentan: os Ancares. Neste senso, é importante destacar o compromiso dos cooperativistas coa calidade “e por iso toda a carne que sae da Carqueixa é de Tenreira Galega Suprema”.
Ademais da reunión coa xunta directiva, Gómez Besteiro achegouse a varias fincas cos veciños da Moreira, acompañado polos alcaldes de Cervantes e de Navia de Suarna, para terminar a xornada probando algunhas das elaboracións de Mari Carmen Fernández, responsable de Cociña da Carqueixa, que se poden adquirir a través da tenda online da cooperativa ou na tenda física que teñen na Praza de Abastos de Lugo. Precisamente, esta tenda, debido ao tirón de vendas, será ampliada nos próximos meses.
A Carqueixa conseguiu un gran eco mediático a nivel nacional hai algúns meses grazas a unha orixinal campaña en redes sociais dirixida por un dos seus veciños: o cineasta Oliver Laxe. O xoven realizador volveu dirixir aos cooperativistas, tal e como fixo na súa multipremiada película “O que Arde”, onde os gandeiros da zona convertéronse en actores secundarios.