Gómez Besteiro e César Mogo reuníronse con pensionistas
Explicaron que en Lugo, 113.304 pensionistas beneficiáronse este ano dun aumento "sen precedentes" da súa paga, un 8,5%, e lembrou que cando gobernou o PP “case non deixaron nin as chaves da caixa”.
Un 35% dos lucenses recibiu esta semana a pensión máis elevada da súa vida ao beneficiarse do incremento do 8,5% fixado polo goberno de Pedro Sánchez no maior aumento anual rexistrado no sistema nacional de pensións na historia de España. José Ramón Gómez Besteiro e César Mogo, números 1 ao Congreso e Senado polo PSdeG-PSOE por Lugo, respectivamente, nas próximas eleccións xerais do 23 de xullo, ofreceron esta tarde, acompañados pola alcaldesa e vicesecretaria xeral do PSdeG en Galicia, Lara Méndez, unha charla informativa sobre o sistema nacional de pensións no Centro Social Uxío Novoneyra de Lugo.
Varias asociacións de pensionistas da cidade participaron no encontro, no que Gómez Besteiro e Mogo explicaron que o aumento aprobado polo Goberno de Pedro Sánchez, e que xa é visible nas contas dos lucenses, permitirá aos pensionistas “recuperar poder adquisitivo ao cobrar unha media de 77 euros máis ao mes, un aumento que tardaría 34 anos en producirse se as pensións seguisen aumentando ao ritmo do 0,25% que aplicaba o Partido Popular”. Desta forma, os pensionistas lucenses, recibirán este ano 113 millóns de euros máis, chegando a unha contía total de 1.443 millóns.
Grazas a esta decidida aposta, explicou Gómez Besteiro, os 113.304 pensionistas lucenses, o 35% da poboación total da provincia, o que permitiu “seguir dignificando as pensións nunha provincia como a nosa, na que teñen un impacto real na economía, no territorio e no sustento das súas familias”.
Ademais, fixeron fincapé en que o sucedido esta semana non é un feito illado, xa que, tal e como argumentaron, desde a chegada de Pedro Sánchez ao Goberno, a revalorización das pensións en Galicia supera xa o 25%. É dicir, que un xubilado medio en Galicia cobra hoxe 233 euros máis cada mes do que cobraba co PP no goberno central, superándose os 1.000 euros (1.019) na pensión media en Galicia, 1.106 se nos cinguimos ás de xubilación.
Nesta liña, Gómez Besteiro destacou que “os socialistas sempre confiamos no sistema de pensións público, facéndoo sostible e subindo a súa contía, mentres que o Partido Popular aposta por sistemas privados que acababan enriquecendo, como sempre, aos seus amigos”.
“A dereita esquilmou a hucha das pensións e votou en contra da suba”
Ademais, apuntou o cabeza de lista ao Congreso dos socialistas por Lugo, “Tanto o BNG coma Feijóo rexeitaron esta suba das pensións votando en contra da aprobación dos Orzamentos Xerais do Estado”. Ademáis, á dereita, continuou, deulle igual “baleirar a hucha das pensións. Entre 2012 e 2017 sacaron 74.437 millóns de euros, case non deixaron nin as chaves da caixa”.
O mantemento e a revalorización das pensións é unha prioridade absoluta para o Goberno, tal e como queda reflectido nas cifras que achegaron os números 1 ao Congreso e Senado por Lugo: “O investimento en pensións en Galicia é agora de 785 milllones de euros mensuais, o que significa que neste 2023, o desembolso anual en prestacións contributivas será de once mil millóns de euros, mil millóns máis que o pasado ano”, sinalaron.
Neste senso, César Mogo insistiu que, máis alá do gran incremento das pensións, “é importante saber que a xestión socialista vai garantir a viabilidad deste sistema para o futuro”, desmontando así a falacia da dereita que usa o medo como arma electoralista.
Gómez Besteiro, Mogo e Méndez concluiron que “se os pensionistas de Lugo gozan hoxe da pensión máis alta dos últimos anos é porque o Goberno de Pedro Sánchez optou por protexer a toda a cidadanía. Mentres, o PP o único que busca é crear incertezas e recortar dereitos”. Por iso, remataron, é tan importante ir a votar o 23 de xullo “porque hai moito en xogo, está en risco o modelo de sociedade actual inclusivo e integrador, que non deixa a ninguén atrás, fronte ao modelo que defende a dereita e a ultradereita de beneficiar só ao grupo de sempre”.