Gómez Besteiro lembra o apoio do Goberno na mellora das pallozas de Piornedo
O candidato do PSdeG-PSOE para o Congreso por Lugo mantivo unha reunión cos representantes da Asociación Teitos de Piornedo e achegouse ata o lugar para ver o traballo realizado grazas aos fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de Pedro Sánchez xestionados pola Deputación de Lugo.
“As 16 pallozas de Piornedo seguen en pé grazas á perseveranza destes veciños, a colaboración do Concello de Cervantes e ás subvencións da Deputación de Lugo. Se é pola Xunta, este conxunto arquitectónico admirado en todo o mundo non existiría, están poñendo en perigo máis de XXI séculos de historia”.
José Ramón Gómez Besteiro, cabeza de lista do PSdeG-PSOE ao Congreso por Lugo, mantivo onte unha reunión con parte da xunta directiva da Asociación Teitos de Piornedo, unha agrupación formada por veciños de seis casas do pobo que traballa de forma desinteresada por conservar non só estas históricas edificacións, se non tamén todos os recordos e historias que albergan. No encontro, o candidato socialista estivo acompañado por Benigno Gómez Tadín, alcalde do Concello de Cervantes, e José Fernández, alcalde de Navia de Suarna e número 3 ao Senado.
Na visita de onte, Gómez Besteiro supervisou os traballos de rehabilitación feitos en gran medida grazas ás aportacións dos fondos europeos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de Pedro Sánchez. "A pesar de que é a Xunta de Galicia quen ten as competencias, foron os socialistas os que se comprometeron, xunto coas e cos veciños, para manter vivo este legado histórico", dixo e engadiu que só nos últimos catro anos, a Deputación de Lugo destinou máis de 150.000 euros a este conxunto arquitectónico, único en Europa, a maior parte procedente de fondos europeos.
Unha aposta que, asegura, vén de lonxe, como quedou nomeadamente demostrado en 2014, con José Ramón Gómez Besteiro como presidente da Deputación, cun investimento sen precedentes na zona -máis de 160.000 euros- para a rehabilitación dos teitos das pallozas, o saneamento e iluminación.
"Estas achegas supuxeron un alivio para os propietarios destas construccións, xa que o mantemento anual individual dun dos máis grandes atractivos turísticos desta zona e de Galicia está entre os 3.000 e os 5.000 euros. Mentras eles loitan por manter vivo o legado dos seus ancestros, a única palloza propiedade da Xunta está totalmente pechada, sen actividade algunha", dixo.
Gómez Besteiro coincidiu coa asociación na súa demanda de apoio ao Goberno galego: “As pallozas de Piornedo forman parte da nosa historia, o seu futuro non debería ir a parar nun caixón”. Unha vez máis, insistiu: “Cando goberna a dereita, Lugo perde”