Gómez visita o CFEA de Becerreá e anuncia a posta en marcha da rede de espazos agrarios en setembro

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, visitou o Centro de Formación e Experimentación Agraria (CFEA) de Becerreá, un dos seis cos que conta a Consellería en toda a comunidade. Alí explicou que no mes de setembro se porá en marcha a rede de espazos de especialización e innovación agraria nos diferentes CFEA.
En concreto, a conselleira do Medio Rural explicou que estas primeiras accións formativas se levarán a cabo tanto no CFEA Pedro Murias de Ribadeo -centradas nos queixos e na Faba de Lourenzá- e no centro de Becerreá. Neste último, impartirase unha formación especializada no eido da apicultura, tendo en conta a vocación deste centro cara esta especialización agrogandeira.
María José Gómez detallou que esta rede de espazos de especialización e innovación agraria impulsarase no seo dos CFEA para apoiar, asesorar e ofrecer unha formación máis específica aos profesionais nos procesos de elaboración, transformación, innovación e comercialización das súas producións. Así, engadiu, estará orientada a aqueles agricultores e gandeiros que queiran dar un paso máis no seu modelo de negocio e aposten pola transformación e o incremento do valor engadido dos seus produtos.
Neste sentido, a titular do departamento salientou que os obxectivos desta iniciativa son promover o desenvolvemento de produtos agroalimentarios diferenciados e de calidade; fomentar a innovación en procesos e produtos; e mellorar as competencias de comercialización, etiquetaxe, marketing dixital e canais de venda.
Durante esta visita, a conselleira do Medio Rural aproveitou para poñer en valor o incremento de novas prazas formativas nos CFEA para o curso 2025/26, que será un 11% superior con respecto ao anterior. No caso do CFEA de Becerreá, explicou que se ofrecen anualmente un total de 44 prazas dos ciclos de Grao Superior en Técnicos en Xestión Forestal e do Medio Natural e de Grao Medio de Técnicos en Aproveitamento e Conservación do Medio Natural.
María Gómez puxo en valor a instalación do CFEA de Becerreá, tamén chamado de “Alta Montaña” debido á súa localización na comarca dos Ancares. Alí, sinalou, os estudantes poden experimentar de primeira man as condicións de traballo en zonas de montaña. A maiores, resaltou a posibilidade que ofrece o predio de prácticas de algo máis de 76 hectáreas onde se poden atopar plantacións de piñeiros, soutos de castiñeiros, pasteiros, pastos permanentes ou pasto baixo arborado, entre outros.
Por último, resaltou que o CFEA de Becerreá conta dentro das súas instalacións cun apiario de 15 colmeas, un taller dotado dun foso e de distintas mesas e bancos de traballos e uns alpendres cunha gran variedade de maquinaria agroforestal. Deste xeito, engadiu, proporciónase un espazo “ideal” para a formación teórico-práctica.