Gontá celebra a cuarta edición do Cocido popular cunha xornada festiva en Palas de Rei

LugoXa
O evento terá lugar o sábado 21 de febreiro con sesión vermú, comida popular e música a cargo de DJ Patakiña
Cocido galego
3 Feb 2026

A parroquia de Gontá, no concello de Palas de Rei, acollerá o sábado 21 de febreiro a cuarta edición do Cocido popular, unha cita xa consolidada no calendario festivo da zona que combina gastronomía tradicional e ambiente musical ao longo de toda a xornada.

Os actos comezarán ás 13:00 horas cunha sesión vermú animada por DJ Patakiña, mentres que a comida popular está prevista para as 14:30 horas. O menú incluirá grelos, patacas, garavanzos, lacón, orella, morro, panceta, chourizo, botelo e pan, ademais de viño, sobremesas caseiras, café, chupito e unha taza de agasallo para as persoas asistentes.

Pola tarde e noite continuará a festa cunha nova sesión musical de DJ Patakiña, aberta a todo o público, e a partir das 21:00 horas haberá tamén pinchos gratuítos. O prezo do cocido é de 25 euros, mentres que os menores de 12 anos poderán asistir de balde.

Desde a organización lembran que é necesario anotarse antes do día 16 de febreiro, xa que o aforo é limitado. O evento celebrarase nunha carpa climatizada e conta coa colaboración do Concello de Palas de Rei.

⚙ Configurar cookies
0.081475019454956