González Formoso cualifica á Fonsagrada como “un exemplo de transformación da vida das persoas no rural”
Lembrou que “estes concellos contan con servizos públicos de primeira grazas ao apoio de gobernos socialistas na Deputación de Lugo e na Xunta de Galicia de Emilio Pérez Touriño”.
Valentín González Formoso continúa súa axenda de encontros coa militancia que o levará a todos os recunchos de Galicia para explicar o seu proxecto para un PSdeG forte, que aglutine os intereses dos e das socialistas e que sexa capaz de aproveitar todo o talento que hai no partido. Hoxe achegouse ata a Fonsagrada, comarca á cualificou como “un enclave simbólico e un exemplo de como as políticas socialistas transforman a vida das personas”.
“Todo este partido xudicial da montaña lucense; que suma á Fonsagrada, Ribeira de Piquín, Negueira de Muñiz, Navia e Baleira; representa claramente como as políticas socialistas loitan contra a despoboación e o envellecemento, un dos principais problemas da Galicia interior que se vai baleirando sen que a dereita faga nada por deter esta sangría demográfica”, destacou González Formoso.
O candidato á Secretaría Xeral do PSdeG-PSOE lembrou que “estes concellos contan con servizos públicos de primeira, como a residencia de maiores, o campo de fútbol, ou a mellora da comunicación con Asturias, grazas ao traballo de persoas como o alcalde, Carlos Pérez, ou o anterior rexedor, Argelio, e ao apoio dos gobernos socialistas na Deputación de Lugo e na Xunta de Galicia de Emilio Pérez Touriño”.
Neste senso, González Formoso atopou similitudes coa súa traxectoria xa que “son alcaldes que en moitos casos empezaron coma min, na oposición, con poucos recursos e moita ilusión, souberon facer equipos, sacaron o mellor deste partido con 142 anos de historia e hoxe desde os seus gobernos municipais impulsan todo un exemplo de como as políticas socialistas melloran a vida da xente”.
Ademais, o candidato aproveitou para expresar o seu firme convencemento de que “moitos compañeiros e compañeiras que hoxe estades traballando na oposición chegaredes ás alcaldías en 2023 para mellorar a vida da xente co apoio dun PSdeG forte e unido porque xa o dixo Pablo Iglesias: sois socialistas no para recrearos en la grandeza de nuestras ideas, sino para llevarlas a todas partes”, para cambiar a sociedade”.
Por último, González Formoso fixo fincapé no “pulo do socialismo na montaña de Lugo e na Fonsagrada, que é fundamental para seguir crecendo en Galicia e para gobernar a Deputación” e afirmou que “o cinto vermello non existe só nas grandes áreas metropolitanas, senón tamén no rural”.