Gran oposición a construción das vivendas sociais no Castiñeiro

LugoXa
Veciños e varios partido políticos mostran o seu rexeitamento a construción de vivendas sociais no barrio do Castiñeiro
Castiñeiro BNG
26 Mar 2023

Diferentes grupo políticos mantiveron xuntazas nos últimos días coa veciñanza de O Castiñeiro que está preocupada pola construción doutro bloque de vivendas socias no barrio que a Xunta de Galicia ten en proceso de contratación e xa na última fase de adxudicación, para esa zona. Os veciños consideran que o barrio está xa saturado deste tipo de vivendas e demandan a construción de servizos.

Os residentes buscan paralizar esta construcción e a alcaldesa, que se reuniu cos veciños é moi crítica coa falta de vivenda social en Lugo, “xa que o Goberno galego, pese a ter as competencias, leva 15 anos sen construílas cando o rexistro de solicitantes é superior ás 1.350 persoas, triplicando a cidades semellantes como Ourense” pero sempre se amosou en contra de concentrar nun só barrio as vivendas, sendo partidaria de distribuílas por todo o termo municipal para unha maior integración.

Neste senso, a alcaldesa avanzou que o PsdeG levará ao vindeiro Pleno de marzo unha moción instando á Xunta de Galicia e ao Instituto Galego de Vivenda e Solo a que soliciten - como propietarias das parcelas C e E da rúa Ramón Piñeiro - unha modificación puntual do PXOM ao Concello para restrinxir o uso residencial existente, mantendo o resto dos usos previstos para as mesmas no Plan Xeral.

Desta forma, a rexedora indicou tamén que, "lonxe do que o PP lle dixo á veciñanza, as dúas parcelas admiten xa usos dotacionais, o que permitiría construír xa garderías, centros de día, entre outros moitos usos". Nesa mesma moción, o Concello comprometerase a iniciar a modificación puntual en canto esta sexa solicitada, así como a estudar coa Xunta a perda de edificabilidade. “Pero debe ser a Administración titular dos terreos a que pida o cambio do Plan Xeral”, lembrou.

“A Xunta, se ten interese como lle dixo o PP á veciñanza, xa podería paralizar hoxe mesmo a adxudicación do proxecto de vivendas sociais, adxudicación que, tristemente, comezou a tramitar sabendo que existía un malestar importante no barrio pola sobresaturación de VPO”, sostivo a rexedora, ao tempo que lembrou que, inicialmente, o Goberno galego anunciou que as vivendas se construirían en Garabolos, “e, lamentablemente, das ubicacións e dos cambios sucesivos, no Concello só nos enteramos polos medios de comunicación”.

O candidato do BNG á alcaldía de Lugo, Rubén Arroxo, xunto coas concelleiras e concelleiros do Grupo Municipal do BNG no Concello de Lugo tamén mantiveron unha xuntanza coa veciñanza do Castiñeiro, onde mostraron a postura da fronte a respecto do proxecto da Xunta de Galiza para construír máis vivenda pública neste barrio. Arroxo criticou que “a Xunta de Galiza poña en marcha un novo proxecto de vivenda pública despois de 14 anos sen realizar investimentos nesta materia”.

Rubén Arroxo afirmou que “desde o BNG estamos a favor de que a Xunta de Galiza constrúa vivenda pública, mais o barrio do Castiñeiro xa está saturado, despois de realizarse importantes investimentos cando o BNG tivo a responsabilidade da área de vivenda no goberno de Galiza”.

Arroxo reuniuse coas veciñas e veciños, entre os que estiveron presentes representantes de diversas asociacións do barrio na praza do Castiñeiro.

O tenente alcalde explicou ás veciñas e veciños do barrio que “está na man da Xunta de Galiza paralizar esta obra e buscar unha ubicación máis acaída para unha promoción de vivenda pública, do mesmo xeito que poden solicitar o cambio de uso do terreo para poder dotar de outros usos ao barrio”, e engadiu “é soprendente que o PP cree un problema no barrio e despois diga que é o Concello quen ten que solucionalo”.

Esquerda Unida e tamén Podemos, ante este conflicto no Castiñeiro poñen o foco e denuncian "o estado de abandono e a cantidade de vivendas baleiras que hai no casco histórico de Lugo ou en barrios como o da Milagrosa".  Agora, coincidindo coas mobilizacións dos veciños da zona do Castiñeiro, que éstes días están a reclamar o cambio de uso de solo residencial a dotacional do terreo edificable no que pretenden construir estes novos edificios, Chus Rodríguez, candidata á alcaldía de Lugo da
Coalición Podemos-Esquerda Unida, reitera “a falta de criterio, o oportunismo e a ausencia de planificación nas obras que se licitan na nosa cidade por parte da Administración”, neste caso a Xunta de Galicia.

Chus Rodríguez sinala ademais que “Lugo é a terceira cidade de España con máis vivendas baleiras en proporción aos seus habitantes e, segundo datos de 2022, falamos de 10.735 vivendas en desuso, o que supón que unha de cada cinco vivendas están baleiras”.

A candidata Rodríguez, denuncia como “mentres se impoñen atrancos aos propietarios que queren rehabilitar as súas vivendas e o propio Concello deixa morrer inmobles que, incluso, chegaron a causar risco para a integridade das persoas con desprendimentos, polo seu estado de abandono, a Xunta quere construir novos edificios, nun dos barrios, actualmente, máis poboados”.

Castiñeiro Psoe
0.17671895027161