Gran participación no concurso de disfraces infantil

LugoXa
Ducias de nenas e nenos participan no concurso de disfraces infantil organizado pola área de Cultura para este Entroido
Concurso disfraces 3
19 Feb 2023

Un ano máis polo sábado de Entroido celebrouse o tradicional concurso de disfraces infantil donde o bo tempo acompañou á tarde festiva e os concursantes despregaron a súas dotes imaxinativas con vistosas creacións nun desfile seguido por numerosas veciñas e veciños.

A festa non faltou durante un desfile moi animado con celebradas coreografías que abrangueron desde o último tema de Bizarrap e Shakira ata a música dos 80. Os participantes fixeron gala de gran imaxinación con elaborados traballos como o equipo V, as Tartarugas Ninja ou a familia Bros.

Nas personaxes nas que se inspiraron os nenos lucenses tivo un enorme peso a exploración espacial, con ata 3 disfraces distintos. O cine tamén foi fonte de inspiración e non faltou a familia Addams, a ourizo de Canta 2 ou os Dálmatas. Durante a deliberación do xurado, formado por Lourdes Abuide, xornalista, Iago Eireos, artista gráfico e Cruz Lago, profesor da EASD Ramón Falcón, a festa continuou cun desfile no que participaron todas as nenas e nenos que acudiron disfrazadas mais que non participaron no concurso.

O concurso comezou coa categoría de disfraces individuais na que se inscribiron quince persoas. Nesta categoría establecéronse tres premios e os agraciados foron os seguintes Bender, 11 anos cun premio por valor de 100€, A palomiteira festeira, de 10 anos cun premio por valor de 80€ e Puchos Tolos, 5 anos, cun premio por valor de 50€.

Na categoría de disfraces por parellas foron cinco as que decidiron presentarse, entre as que se repartiron os seguintes premios Mércores e a súa cousa (Ariadna e Naiara Fernández, de 10 e 6 anos) cun premio por valor de 150€, A Música dos 80 (Bruno e Xoel Otero, 8 e 5 anos) cun premio por valor de 120€ e Ensalada (5 e 6 anos) cun premio por valor de 90€

O desfile rematou co paseo das nove comparsas que se presentaron. Ducias de nenos e nenas participaron nesta categoría que resultou por momentos moi espectacular debido aos elaborados e orixinais traxes deseñados, así como polas animadas coreografías. Os premios repartíronse do seguinte xeito, As variñas Tolas, con 9 compoñentes a partir de 4 anos, cun premio por valor de 240€, Space Cookies, con 5 compoñentes entre 4 e 7 anos, cun premio por valor de 180€ e Cuesta abajo y sin frenos, con 12 compoñentes a partir de 3 anos cun premio por valor de 140€.

Os premios consisten en dous vales, un que pode ser canxeado por libros ou material escolar e outro para canxear en actividades culturais e de lecer.

0.1858549118042