Grandes resultados para os lucenses no último aberto de billarda da tempada
Por Daniel Rodríguez Saavedra
Non se podía pedir máis ó día. Batemos a marca de palanadores do ano pasado. 101 de toda Galiza e máis do Bierzo. Graciñas a Tio Migui e compis que se achegaron a xogar con nós e os irmáns de Xogos Tradicionais de Santiago pola súa inestimable axuda.
Non estivemos tódolos que somos, pero si somos tódolos que estivemos. Xogamos. comimos, tocamos a gaita, cantamos e por riba de todo desfrutamos dun día inesquecible de camaradería e amizade.
Sana competencia e calidade a esgalla en cada un dos grupos que loitaban por clasificarse para as eliminatorias en pos da Coroza. Moitos aspirantes quedaron polo camiño. So un podería acadar o título de Coroceiro Nacional e non foi outro que o mago de Castropol David Navallo, que malia a empezar moi dubidoso, soubo repoñerse e deleitarnos cunha final de infarto.
Extraordinaria xornada para os dous únicos representantes de Madia Leva, Gundar estivo a piques de gañar a final e Morás foi dobregado por Charli disputando o terceiro posto.
O novo Marcos de Armadiña (Combarro) foi o único en traspasar o varal dun só golpe facéndose co título de campión de Varados. Acadouno no derradeiro golpe do que dispoñía para facelo.
Moita igualdade en donas. Tania (Valpaços de Vigo) puido coa inexperiencia de Vanesa (Castiñeiro Milenario) e gañou a xornada, terceira foi Cris, tamén de Castiñeiro.
En infantís Valentín (Filloas de Sangue, A Coruña) foi o mellor, seguido das dúas xovencísimas promesas de Gharaboto (Marín), Antía e Aldara.
E finalmente por equipos, os Billardeiros Musicais de Ribadeo, volven ao máis alto converténdose en tetracampións Nacionais, superando por un só punto aos actuais campións, os Troitas Bravas da Pontenova.
Xornadas como a de hoxe son as que manteñen viva a billarda e fan que siga a medrar de ano en ano. Graciñas a todos e cada un dos participantes neste grandioso evento deportivo-festeiro. Billarda sempre e adiante co Varal!