Greenfiber defende a sustentabilidade do proxecto de Palas de Rei

A empresa Greenfiber, filial de Altri, reafirmou que o proxecto industrial que pretende desenvolver en Palas de Rei non variou desde a súa formulación inicial e que manterá intactos os seus compromisos en materia de produción, consumo enerxético e xeración de emprego.
A compañía subliña que a planta está destinada exclusivamente á fabricación de fibras para a industria téxtil sostible e nega rotundamente calquera impacto negativo sobre o río Ulla ou os bancos marisqueiros da ría de Arousa.
A directora de Recursos Humanos e Relacións Institucionais de Altri en España, Olga Arias, destacou que “o ditame favorable da Declaración de Impacto Ambiental (DIA) dá resposta a todas as inquedanzas sobre a viabilidade ambiental do proxecto e acredita o seu impacto social e económico positivo”. Arias foi contundente ao afirmar que “todo o demais son bulos”.
Segundo explicou a compañía, o proxecto GAMA, deseñado para Palas de Rei, producirá fibras solubles de base celulósica, parte das cales servirán para fabricar Lyocell na propia planta, mentres que o resto se destinará a outros produtores do sector téxtil. “O volume de produción responde ao equilibrio enerxético necesario para que a planta sexa autosuficiente, aproveitando a enerxía sobrante dun proceso para alimentar o outro”, sinalou Arias.
A directiva incidiu en que “o proxecto sempre foi así desde o principio” e que a concesión da DIA reafirma a confianza da empresa na súa viabilidade ambiental, sostida polo uso das técnicas máis avanzadas a nivel mundial. “Seguramente sexa o proxecto máis sometido a escrutinio ambiental en Galicia, e probablemente tamén en toda España. O único que pedimos é respecto e rigor”, engadiu.
Ademais, Arias informou de que Greenfiber investirá 80 millóns de euros no sistema de depuración de augas “máis eficiente e innovador da industria”, co obxectivo de garantir que non se altere o estado do río Ulla nin se vexan afectados os bancos marisqueiros da ría de Arousa. “Este é un proxecto industrial do século XXI que segue fielmente as directrices da Unión Europea”, concluíu.
A empresa insistiu tamén na súa vontade de transparencia: “Seguiremos informando e mostrando o noso proxecto a todas aquelas entidades e colectivos que o desexen, como vimos facendo ata agora”.