Grupo Cabalar Orbazai: “A Ruta Cabalar fomenta o contacto coa natureza e cos animais”

Jessica Fernández
O Grupo Cabalar de Orbazai, composto por Sergio, Álex, Carla e Ariadna; organiza a II Ruta Cabalar de Orbazai, que terá lugar o vindeiro 22 de marzo despois de ter celebrado a primeira edición en 2024, na que “todo saíu moi ben”.
Este colectivo xurdiu da idea de promover a ruta cabalar, xa que eles tiñan cabalos e coñecían a xente de Orbazai que tamén os tiña e, despois de participar noutras rutas cabalares pensaron que podía ser “unha boa idea” promover unha alí.
Así, puxérona en marcha, “a pesar de ser difícil” e “saíu todo moi ben e tivo moi boa acollida”. Participaron na ruta arredor de 50 xinetes e logo moitas máis persoas se uniron á comida. “Organizamos unha ruta e paseo pola mañá de 21 km nos que os xinetes percorremos cos nosos cabalos unha ruta ben sinalizada e na que fomos por zona de natureza, non camiñamos moito por asfalto, o que gustou moito. A xente desfrutou porque fomos por sendeiros, pasamos polo río Mera, polo Miño, vimos montes forestais... todo cara a zona de Friol e Ombreiro”, explica Sergio.
Así, di que este tipo de actividades “fomentan o contacto coa natureza e cos animais, polo que cada vez se fan máis rutas destas co fin de pasar un rato entretido e unirnos as persoas que temos cabalos”. Ademais, non só participaron persoas de Orbazai e Lugo en xeral, viñeron xinetes da Pontenova, de Outeiro de Rei, de Pontevedra, de Palas de Rei... “A xente trae os seus cabalos en camións ou en remolques e desfrutan desta experiencia, ao igual que os animais, xa que van ao seu ritmo percorrendo a natureza, e logo cando nós imos comer, eles tamén comen e descansan”, explica.
Para a ruta deste ano, os organizadores esperan que a participación aumente, que “o primeiro ano é normal que a participación sexa baixa, xa que non se sabe como vai ser, como vai saír, como sairá a comida... pero todo nos saíu ben e iso fai que máis xente queira participar desta iniciativa”, sosteñen.

Este ano, a ruta será da mesma lonxitude, 21 km, pero cambiarán os lugares polos que vai, para non repetir, e polo camiño haberá uns pinchos para os xinetes. Xa ao mediodía, de volta a Orbazai, haberá sesión vermú e terá lugar a comida, que terá un prezo de 27 euros para os adultos e de 15 euros para os menores de 14; e á que xa se poden apuntar as persoas interesadas chamando aos organizadores, neste caso o número de Sergio é 682 503 716; o de Álex é 622 283 117, e o de Carla é 603 722 085.
Despois da comida, na que esperan arredor de 150 persoas, o prato forte virá coa música, xa que este ano contarase co Grupo Jaque e a Duendeneta para amenizar a tarde. Ademais, tamén haberá sorteos para adultos e pequenos. “É unha festa para todas as persoas, o ano pasado viron veciños e xente á que lle gusta os cabalos, nenos e maiores, é dicir, é unha festa aberta”, comentan.
A POSTA EN VALOR DESTA INICIATIVA
A Ruta Cabalar que se desenvolverá o 22 de marzo en Orbazai ten xa os seus primeiros adeptos confirmados, tanto para participar cos seus cabalos como para a comida e a festa de despois, xa que é un evento que gustou na súa primeira edición e, iso, os organizadores nótano. “Estamos contentos coa valoración da xente, que nos felicitou porque quedaron moi contentos. Estaba todo moi ben organizado e contamos co pavillón que nos deixou a comunidade de montes. A verdade é que nos axudamos moito entre as asociacións de Orbazai, poñémonos de acordo e úsanse moito os locais”.
Ademais, poñen en valor tamén a colaboración doutros colectivos, como ganderías, empresas de servizos agrarios e da Xunta, que este ano contribuirá a que esta iniciativa se celebre e poidan traer dous grupos de música, xa que o ano pasado só trouxeron a un “porque non sabiamos por onde movernos e gañamos algún carto nos sorteos e na venda de rifas”. Porén, critican o “pasotismo” do Concello de Lugo: “A verdade é que o Concello de Lugo non participa nestes temas. En ningún momento nos apoiaron, e aínda seguimos esperando pola contestación dunha carta que lles enviamos solicitando os permisos para a Ruta Cabalar do ano pasado, porque a ruta pasaba por varias estradas”.
Con todo, sosteñen que, debido ao apoio da veciñanza e a boa acollida, seguirán fomentando “poñer en marcha esta ruta cada ano e, cada vez, contar con maior cantidade de xinetes posibles, poder facer máis actividades, etc. Estamos abertos a propostas que nos poidan facer os participantes da ruta. Comentáronnos o de integrar carreiras de cabalos, pero é complicado porque faría falta unha pista concreta e contar co servizo de ambulancia, pero non se descarta”, conclúen.