Guillermo Martínez deixa Lugo Sala tras dúas tempadas á fronte do equipo

Guillermo Martínez Orihuela non continuará como adestrador do Lugo Sala. O técnico murciano decidiu poñer fin á súa etapa no club tras dúas intensas tempadas, nunha decisión persoal que a entidade lucense respecta, malia que contaba con el para liderar un novo intento de ascenso á Segunda División do fútbol sala español.
A noticia foi confirmada polo presidente do club, Marcos Pereira, nunha breve comparecencia na que destacou a dificultade da marcha dun técnico “que chegou cun obxectivo, conseguiuno, e estámoslle moi agradecidos”. Pereira lembrou que a primeira campaña foi un éxito, logrando os obxectivos marcados, mentres que a segunda, marcada por dificultades deportivas e doutro tipo, non permitiu manter a categoría. Agradeceu tamén a implicación persoal e profesional de Martínez, definíndoo como “unha persoa próxima, traballadora, con moita actitude e ganas de mellorar”.
Pola súa parte, Guillermo Martínez despediuse con emoción dun club ao que considera a súa casa. “Foron dous anos de moitísimas emocións e tanto a miña familia como eu ímonos considerando que Lugo é a nosa casa, e isto faio aínda máis complicado”, declarou. Explicou que era o momento de dar un paso ao lado para permitir que outra persoa, con nova motivación, colla as rendas do equipo. O técnico agradeceu o apoio recibido tanto pola entidade como polo seu entorno familiar durante todo este tempo.
O club queda agora á procura dun novo adestrador para iniciar unha nova etapa, coa vista posta en recuperar canto antes a categoría perdida e continuar o proxecto deportivo cunha base sólida.