Guntín acolle en abril un proxecto de Cruz Vermella para recuperar a memoria colectiva

O Concello de Guntín acolle durante este mes de abril un proxecto impulsado por Cruz Vermella Lugo orientado á recuperación da memoria colectiva e á posta en valor da identidade cultural da contorna. A proposta desenvolverase en varias sesións nas que as persoas participantes compartirán recordos, costumes, xogos tradicionais e historias de vida, construíndo de maneira conxunta un legado que conecta diferentes xeracións.
A iniciativa pretende crear un espazo de encontro no que recuperar tradicións, compartir experiencias e reforzar o sentimento de pertenza á comunidade, ao tempo que se pon en valor o patrimonio inmaterial do territorio.
As sesións celebraranse os mércores 8, 15, 22 e 29 de abril, cunha duración de 2 horas cada unha, no local social da antiga escola de Lousada. A actividade preséntase como unha oportunidade para lembrar, aprender e transmitir os valores e a historia colectiva do municipio.
As persoas interesadas poden obter máis información ou formalizar a súa inscrición a través do correo electrónico artahorban@cruzroja.es ou no teléfono 649 10 88 24.