Guntín acondicionará espazos medioambientais e deportivos
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, avanzoulle á alcaldesa de Guntín, María José Gómez, que o seu departamento estudará as posibilidades para colaborar en proxectos de acondicionamento e mellora dos espazos medioambientais e deportivos.
A conselleira e a alcaldesa mantiveron unha reunión na que repasaron os proxectos de interese para o municipio, que quere impulsar dous proxectos que habiliten espazos de encontro para os veciños.
Segundo trasladou a rexedora, o Concello quere facer unha reforma nas instalacións deportivas para mellorar este tipo de servizos e habilitar espazos nos que os veciños poidan levar a cabo unha actividade deportiva e unha vida activa con todas as garantías. Así mesmo, tamén será necesario mellorar a urbanización e a accesibilidade a este tipo de centros ou instalacións deportivas, traballos que permitirán definir zonas de encontro para os veciños.
Por último, Ángeles Vázquez felicitou á alcaldesa por apostar e sacar adiante este tipo de proxectos, xa que así ofrece alternativas de ocio para os seus veciños, habilitando espazos nos que convivir e interactuar, e sobre todo porque os converte nun municipio sostible, que aposta polo equilibrio entre os usos dos espazos naturais e a súa conservación.