"Gustaríanos seguir aportando para facer rexurdir a actividade enonómica e cultural en Castro de Rei"

LugoXa | TerraChaXa
Entrevista a Héctor Anllo, presidente da asociación Amigos da Feira, de Castro de Rei
MALLA-DE-CASTRO
7 Ago 2022

Como xorde a asociación Amigos da Feira?

A asociación fará o ano que vén o seu 25 aniversario da súa constitución, alá polo 1998. Foi nesa data cando un grupo de veciñas e veciños da vila decidiron organizarse para revitalizar e dinamizar a vila de Castro de Rei a través de distintas actividades culturais. A primeira foi a recuperación da feira quincenal dos domingos, para incentivar a compra nos negocios da vila. Se cadra as máis coñecidas e as que lle seguiron foron o impulso da Ruta do Azúmara e da Festa da Malla, que no 2020 faría o seu vixésimo aniversario. A nosa actividade abrangue tamén outras celebracións e actividades culturais e formativas: excursións, roteiros, Lume Novo, Magosto, cine na rúa, xornadas micolóxicas…

Canta xente pertence á asociación?

O que no seu día comezou cun pequeno grupo dunhas vinte persoas, e tamén amigas, agora xa conta con case unhas 200 asociadas que colaboran e participan nas distintas actividades que organizamos durante o ano.

Que actividades realizan durante o ano?

A actividade que ten un calendario máis regular é a feira quincenal, que acolle ademáis cada última feira do mes un sorteo de vales de compra en establecementos da vila. Vense celebrando de forma ininterrompida desde a nosa creación, salvo no confinamento estrito do 2020. O resto do ano tiñamos una programación que máis ou menos se viña repetindo cada ano, e que este ano estamos intentando retomar na medida do posible: no mes de maio realízase a Ruta do Azúmara desde o Castro de Viladonga, en xuño a churrascada de Lume Novo, en agosto a Festa da Malla, no outono as Xornadas Micolóxicas… E tamén programamos outras actividades durante o ano en función do que nos solicitan as asociadas ou vemos que pode ser interesante para dinamizar a vila, como por exemplo as proxeccións de Cine na Rúa que fixemos durante xuño e xullo ou a feira con xogos tradicionais de Xotramu e música d’Os Valuros.

Supoño que un dos eixes principais é festa da Malla? Aínda que este ano non se celebra pode explicarnos un pouco en que consiste e a relevancia que ten?

Abofé, a Festa da Malla é unha das nosas actividades estrela. A incertidume pola situación sanitaria fíxonos imposible retomala este ano, xa que un evento coma este require dunha gran planificación que abrangue a moita xente e moitos procesos, especialmente aqueles que teñen que ver co cultivo e mantemento do trigo que se emprega en todos os procesos que abrangue a Festa da Malla. O que a fai especial e diferente a outras é que mantemos o “calendario” de procesos tradicional. Contamos cun día de sega con fouciño directamente no campo, outro día para a meda e o propio día da malla tradicional empregando apeiros e máquinas que se viñan usando antigamente. Como colofón, ao remate dos traballos organízase un xantar popular que reúne normalmente a unhas cincocentas persoas. É sen dúbida unha mestura perfecta de tradición, recoñecemento ás xeracións anteriores á nosa e celebración.

A Festa da Malla é unha das nosas actividades estrela. A incertidume pola situación sanitaria fíxonos imposible retomala este ano

Notaron un crecemento na afiliación da asociación?

Abofé, estámolo notando nestes últimos meses. Isto para nós está a ser unha grata sorpresa e algo moi gratificante, especialmente despois de dous anos complicados, que a xente se interese polas nosas actividades e se anime a facerse socia. É sen dúbida unha grande recompensa ao esforzo e ao traballo de dinamización de Castro de Rei que vén desempeñando a asociación desde a súa creación.

De cara ao futuro que proxectos teñen?

Agora mesmo estamos centrando os nosos esforzos en intentar recuperar a programación habitual previa á pandemia, xa que aínda é complicado xestionar e planificar certas actividades a largo prazo. A boa acollida que tiveron as actividades que levamos organizado ata o de agora no 2022 estanos a dar folgos para traballar nun outono con varias actividades que esperamos poder comunicar pronto.

Que supuxo e supón a covid para a asociación?

Para nós supuxo un parón de dous anos, especialmente agudizado nos meses de confinamento estrito nos que incluso non se puido celebrar a feira quincenal. A imposibilidade de realizar distintas actividades sociais, especialmente nun entorno rural onde é tan importante a conexión e a colaboración entre veciñas, deixou un gran baleiro neste tempo entre moitas persoas. A pandemia tamén agravou aínda máis o déficit de servizos básicos na vila de Castro de Rei, e por tanto a actividade económica. Nestes momentos o Centro de Saúde está pechado e é necesario desprazarse a outras vilas para poder sacar cartos ou realizar operacións bancarias, xa que non temos nin un caixeiro.

Para nós o 2022 supón entón para nós unha especie de “borrón e conta nova”, de ir paseniño e ao seguro, no que estamos tentando aproveitar o menor número de actividades para mellorar e adaptarnos, coa mirada posta no pasado pero pendentes dos novos tempos.

Contan con axuda para manter a asociación activa?

Ademáis das aportacións das persoas asociadas, contamos sempre coa colaboración do Concello de Castro de Rei, outras entidades e organismos a través de distintas axudas e subvencións e tamén empresas da contorna que nos axudan a organizar e sufragar distintas actividades.

Que necesidades se lles plantexan?

Lamentablemente a incertidume sanitaria aínda nos fai complicado poder planificar actividades a longo prazo, pero sen dúbida gustaríanos seguir aportando o noso grao de area para facer rexurdir a actividade enonómica e cultural en Castro de Rei nun tempo no que a xente busca cada vez máis reconectar coas súas raíces. O noso traballo non pode ser en solitario. Cómpre que as administracións non só se preocupen, senón que actúen para mellorar da calidade de vida na vila e nos arredores, unha zona que sofre envellecemento e despoboación, e iso pódese facer de moitos xeitos: asegurando o coidado e o correcto mantemento de espazos e infraestruturas, ofrecendo servizos e actividades de carácter social…

cine-na-rua-castro-amigos-da-feira
lume-novo-amigos-da-feira
amgios-da-feira-lume-novo
MALLA-DE-CASTRO2
MALLA-DE-CASTRO-COMIDA
EXCURSION-AMIGOS-DA-FEIRA-CASTRO
0.28953194618225