“Gustaríanos ter una maior proxección provincial para espallar a cultura”

Jessica Fernández
A Asociación Cultural-Musical Zuncurrundullo xorde en 1989 en Castroverde coa motivación de desenvolver actividades culturais e musicais na comunidade e, á par que a Asociación, nace tamén a Banda de Gaitas en 1990 a partir de un grupo folk que xa existía. Ambos colectivos están dirixidos por Cándido Díaz, quen sostén que a banda e a asociación están “estreitamente vinculadas, evolucionando conxuntamente ao longo do tempo”.
Nos seus inicios, a banda estaba formada por un número reducido de persoas do CPI de Castroverde, e co paso dos anos, o número de membros foi incrementando, “reflectindo un crecemento positivo”, argumenta Díaz, polo que “a evolución tanto da asociación como da banda pode considerarse positiva, tendo en conta o aumento de membros e actividades realizadas”.
Por outra banda, explica que a acollida por parte da sociedade de Castroverde foi “favorable desde o principio e continúa sendo así na actualidade”. Ademais, cre que “este colectivo é necesario no municipio, xa que promove a cultura e a música tradicional, enriquecendo a vida comunitaria”. Tanto é así que durante o ano, organizan diversas actividades culturais e musicais, ademais de participar en eventos organizados por outras entidades, institucións e colectivos, como a Feira de Artesanía, o Magosto, concertos de Nadal, Entroido, Día da Muller, e nas procesións de Semana Santa en Castroverde e Betanzos.
Para levar a cabo todas estas actividades, contan con axuda das institucións, “aínda que sempre hai necesidades para mellorar ou manterse”, explica. E pon en valor, sobre todo, ao Concello de Castroverde, “co que colaboramos directamente na organización dos eventos e sempre están aí para todo o que necesitamos”.
De cara ao futuro, a Banda ten proxectos en mente para seguir medrando e contribuíndo ao panorama cultural da rexión. “Gustaríanos ter una maior proxección provincial para espallar a cultura. Somos unha Asociación sen fin de lucro, polo que funcionamos grazas ao voluntariado dos membros, cousa que ten moito valor cultural xa de por si”, subliña o presidente da asociación.
RECOÑECEMENTOS
Ademais da súa importancia a nivel local, a Banda de Gaitas Zuncurrundullo foi recoñecida a través de gañar numerosos premios na Liga Galega de Bandas de Gaitas, quedando como campións, subcampións e de terceiros en varias competicións durante a década dos 90; así como destaca a participación no Festival de Lorient e o de Guingamp na Bretaña, e no festival do Mandorlo in fiori de Sicilia.
Concretamente, en 1993, foron subcampións de fóra de Ourense; en 1994, campións de fóra de Ourense e terceiros no Grao Xeral; en 1995, subcampións de 1º Grao; en 1996, terceiros de 1º Grao e cuartos no Certame Galego BB GG; en 1997, subcampións de 1º Grao; en 1998, campións de 1º Grao e campións do Campionato Nacional; en 1999, subcampións de 1º Grao; en 2000, cuartos de 1º Grao; en 2001 e 2002, terceiros de 1º Grao, ademais de campións no ‘Cidade de Ponferrada’ en 2002; en 2003, subcampións no ‘Cidade de Ponferrada’; e en 2004, segundos no ‘49º Concurso de Internet’ de popularidade do ‘Mandorlo in Fiore’.
Por outra banda, fan fincapé no repertorio da Banda de Gaitas Zuncurrundullo, que “é moi variado e está tratado dunha maneira orixinal. Contén dentro del moitas pezas tradicionais galegas, obras de autor, composicións do Director, pezas tradicionais doutros países, bandas sonoras de películas e pezas clásicas. Neste repertorio, que suma máis de 100 pezas en total, pódense ritmos moi distintos e variados, representativos de cada cultura e de cada forma musical, que, ao ser tocados con gaita, non perden o seu carácter propio”, comenta.
Zuncurrundullo fixo unha selección entre todo o seu repertorio para a gravación dos seus dous CDs: ‘Ultravioleta’ e ‘Ultravioleta II’ (Discografía), nos que se atopan 10 das principais suites que forman o repertorio dos seus concertos. Tamén “realizamos una gran variedade de pezas tradicionais galegas para que a xente baile e se divirta”, destacan
OS INSTRUMENTOS DA BANDA
Os instrumentos usados por Zuncurrundullo dentro da Banda de Gaitas son, en xeral, os comúns para estas formacións actuais: As gaitas de Si bemol (toda a Banda), gaitas de Do (toda a Banda), punteiros de Fa Grave, punteiros de Fa Agudo e punteiro de Sol. Estas gaitas son tradicionais galegas e constan de roncón baixo, ronqueta de man e chillón, e están fabricadas en madeira de granadillo (negra) e adornadas con alpaca polo Obradoiro Seivane, no que a Banda depositou toda a súa confianza. A Banda adoptou posteriormente o ton de Si bemol para unificar tendencias entre as Bandas de Gaitas, xa que é este o ton que mellor se adapta pola composición destas. Ademais, as gaitas de Zuncurrundullo, nome ideado polo seu director, levan un "difusor de son" para que este, en vez de acabar no chan, fluíra cara a arriba e tivese máis potencia.
Pola súa parte, a percusión Zuncurrundullo opta por instrumentos tradicionais galegos e tamén polo modelo creado para Bandas de Gaitas, que inclúe os modernos tambores de alta tensión "Yamaha", adoptados pola Banda para o mellor empaste coas numerosas gaitas, que posúen en xeral todas estas formacións.
Ademais, contan con instrumentos tradicionais galegos, como pandeiretas, charrascos e castañolas; así como percusión profesional "Premier e Yamaha": bombo baixo, caixas de alta tensión "Yamaha", timbales tenores e timbal multifónico. E contan con outros instrumentos, como o cencerro, os platillos, a campá, os rototones, as caixas chinesas, os bongós, etc. así como ás veces usáronse a marimba, a batería e as congas.