Os bares de Lugo poderán retirar o material das terrazas provisionais de xeito gratuíto
O Executivo de Paula Alvarellos, a través da área de Transición Ecolóxica que dirixe Miguel Fernández, pon ao dispor da hostalería lucense un servizo baixo demanda e gratuíto para a recollida de material nas terrazas provisionais. O operativo, que ten por obxectivo facilitar a retirada de aveños e realizar unha limpeza viaria en profundidade, estará dispoñible ata o próximo 20 de abril. “Con esta iniciativa perseguimos un triplo obxectivo. Por unha banda, facilitar aos nosos hostaleiros e hostaleiras o proceso de regularización das terrazas que se iniciou coa publicación do bando, por outro, evitar que a retirada de todas estas toneladas de material xeren incomodidades á veciñanza”, sinalou Fernández.
Por último, contribúe a manter “os estándares de limpeza e aseo público nos que se atopa a cidade protexendo así o noso medio ambiente”, O Concello ofrece dúas opcións operativas: pódese solicitar telefonicamente a retirada do material tras desmontar a terraza ou pedir cita previa no punto limpo para evitar esperas á hora de depositalo.
No primeiro caso, as persoas interesadas deben chamar ao 900 909 671 para solicitar a retirada dos elementos da terraza. A través desta comunicación informaráselles do día e a hora en que levará a cabo a recollida por parte dos operarios de Luce Lugo. Así, os solicitantes deberán desmontar a instalación e colocar os elementos de forma que non supoñan risco algún para os viandantes e procurando que causen as menores molestias á circulación tanto de peóns como de vehículos.
No segundo caso, a través do mesmo número de teléfono, é posible solicitar cita e entregar os elementos da terraza directamente no punto limpo. A través deste método, e coa finalidade de non colapsar o servizo, ofreceráselles un día e unha hora para realizar a entrega programada e axudar no depósito. En ambos os supostos, unha vez retirado o mobiliario, é necesario acoutar o espazo ocupado para que o servizo poida limpar o pavimento antes de que aparquen coches. “É crucial acoutar a zona e sinalizala para que podamos realizar unha limpeza en profundidade”, concluíu o edil.