HinchaLugo traerá máis de 30 atraccións inchables ao Pazo de Feiras durante a Semana Santa

LugoXa
O evento infantil celebrarase os días 31 de marzo e 1 de abril en horario de tarde cunha entrada de 6 euros por xornada
HinchaLugo-Pazo-de-Feiras
3 Feb 2026

O Pazo de Feiras e Congresos de Lugo converterase os días 31 de marzo e 1 de abril nun gran espazo de lecer infantil coa celebración de HinchaLugo, unha iniciativa que reunirá máis de 30 atraccións inchables dirixidas ao público máis novo. A actividade está promovida pola federación de asociacións veciñais Lugo Rural Importa e conta coa colaboración da Xunta de Galicia.

A presentación oficial do evento tivo lugar hoxe na Delegación Territorial da Xunta, nun acto no que participaron o delegado territorial, Javier Arias, a presidenta da entidade organizadora, Cecilia Vázquez, e representantes da empresa de animación Total Sport, encargada do desenvolvemento das actividades.

Durante ambas xornadas, os nenos e nenas poderán gozar dunha ampla variedade de xogos inchables de diferentes tamaños e temáticas, que inclúen desde tobogáns ata instalacións orientadas á práctica deportiva, circuítos, propostas multiaventura e atraccións interactivas.

O horario de apertura será de 16,30 a 19,30 horas tanto o 31 de marzo como o 1 de abril, e o prezo da entrada establecerase en 6 euros por día.

Javier Arias subliñou que HinchaLugo contribuirá a ampliar a oferta de ocio na cidade durante a Semana Santa, coincidindo co período de vacacións escolares e cun momento no que Lugo adoita rexistrar unha notable chegada de visitantes.

⚙ Configurar cookies
0.080070972442627