Hipócrita Teatro premia ao público e ao mellor espectáculo na gala do seu 20 aniversario
Hipócrita Teatro celebrou o sábado 23 o seu XX aniversario cunha gala protagonizada polas sorpresas e polas actuacións de Lore Lavand, Carolina Rueda, Axóuxere e Ubú Teatro.
Unha das sorpresas da noite foi a entrega do primeiro Hipopremio ó Público, un galardón co que Hipócrita quere poñer o foco nas persoas que apoian as artes escénicas como espectadoras, porque sen elas non hai espectáculo. Josín Ayán foi o destinatario deste premio pola súa fidelidade como espectador da programación cultural do Escenario Hipócrita.
Pola súa parte, o Hipopremio ó Mellor Espectáculo foi para o grupo de teatro de A Estrada Disfunción Continúa por Departamento de selección, unha crítica á deshumanización do mundo capitalista que nos convirte en inimigos e competidores, dispostos á loita máis salvaxe na que todo vale. Esta obra foi a que acadou unha valoración máis alta nas votacións do público que asistiu ás funcións programadas nas dúas últimas tempadas.
20 anos de anécdotas
Cada un dos premiados recibiu un Hipopremio, que son pezas únicas creadas pola artesá lucense Marga Portomeñe. Outra das sorpresas da noite veu da man das actrices e actores de Hipócrita, que desvelaron varias anécdotas vividas fóra de escena nestes 20 anos de historia do grupo.
Hipócrita Teatro agradece o apoio recibido durante todos estes anos por parte do público lucense, da Federación Galega de Teatro Amador (FEGATEA) e de entidades locais coma o Concello de Lugo e a Deputación Provincial.