Homenaxean ás mulleres do Mercado Tradicional no Día Internacional da Muller Traballadora

LugoXa
Este recoñecemento pon en valor o traballo e a dedicación das mulleres que, día tras día, contribúen ao éxito e á relevancia do Mercado Tradicional
Homenaxe-mulleres-Mercado-Tradicional-Lugo-8M
8 Mar 2025

A Concellería de Participación e Servizos para a Veciñanza de Lugo, dirixida por Cristina López levou a cabo un emotivo recoñecemento ás mulleres do Mercado Tradicional polo 8 de marzo con motivo do Día Internacional da Muller Traballadora.

O acto, no que estivo presente Rubén Arroxo xunto co resto das concelleiras e concelleiros da Tenencia de Alcaldía, serviu para render homenaxe a dúas mulleres que forman parte da historia da Praza e do Mercado de Lugo.

A homenaxe deste ano recaeu en Eva Cendán Veiga e Angelines Vázquez Núñez, ambas vendedoras do Mercado Tradicional que se celebra os martes e venres.

Cristina López destacou durante o acto que "estas dúas mulleres representan a loita de todas as mulleres, un exemplo para as xeracións futuras". A concelleira subliñou tamén "o esforzo das mulleres ao longo dos anos, que axudaron a que o Mercado e a Praza de Abastos de Lugo sexan actualmente dous espazos de gran importancia para a veciñanza".

Este recoñecemento pon en valor o traballo e a dedicación das mulleres que, día tras día, contribúen ao éxito e á relevancia do Mercado Tradicional, facendo deles espazos claves na vida da cidade e na súa comunidade. A homenaxe serviu tamén como recordatorio da importancia de continuar loitando pola igualdade e o recoñecemento do traballo feminino en todos os ámbitos.

⚙ Configurar cookies
0.063313007354736