Hostaleiros interesados na cafetería do CEI Nodus visitaron as instalacións

LugoXa
A nova convocatoria para presentar ofertas permanecerá aberta ata o 24 de setembro
visita-cafeteria-cei-nodus
19 sep 2024

Hostaleiros interesados na cafetería do Centro de Empresas e Innovación (CEI-Nodus) visitaron este mércores as instalacións e puideron coñecer de primeira man o seu equipamento. Fixérono durante a xornada de portas abertas organizada polo goberno local, na que participaron catro emprendedores. O Executivo de Paula Alvarellos retomou o proceso de adxudicación desta dotación municipal ofrecendo unhas condicións máis vantaxosas para facer máis atractiva a concesión.

Deste xeito, rebaixouse o canon a 500 euros ao mes –6.000 euros ao ano, polos 9.600 da primeira convocatoria–; ampliouse o requisito da experiencia previa en hostalería ata os últimos 10 anos, tendo en conta que no primeiro proceso se esixía que esta fose demostrable nos últimos 5 anos e permitirase o peche do establecemento durante o período estival durante 15 días.

A nova convocatoria permanecerá aberta ata o vindeiro 24 de setembro, cando remata o prazo de presentación das solicitudes de participación e ofertas económicas. A duración da concesión será dun mínimo de dous anos, a partires da sinatura da acta de inicio da explotación e, rematado este período, poderase prorrogar por acordo das partes por períodos máximos anuais ata un máximo de oito anos máis, sen que a duración total do contrato, incluídas as prórrogas poida exceder de dez anos.

A licitación atópase publicada no perfil do contratante do Concello de Lugo na Plataforma de Contratación do Sector Público e no Boletín Oficial da Provincia.

0.2011399269104