Hoxe abre o prazo para anotarse ás Aulas Abertas do Concello de Lugo
Hoxe, 12 de xuño, abre o prazo para solicitar as Aulas Abertas. Unha prestación municipal coa que o Goberno de Lara Méndez, alén de pular pola integración sociocomunitaria da veciñanza, pretende facilitar a conciliación da vida familiar e laboral durante o verán.
“Con esta proposta – segundo sinalou a edil Olga López Racamonde – tratamos de contribuír a que as nais e os pais compatibilicen mellor a súa xornada de traballo coa atención das súas crianzas, nunhas datas non lectivas nas que queremos ofrecer unha alternativa lúdica e tamén didáctica e económica para que as e os cativos socialicen e compartan vivencias, sempre nun contexto seguro para eles e para as súas familias”.
A concelleira de Benestar referiu que as actividades se levarán a cabo nos centros de convivencia da capital (Fingoi, Lamas de Prado, Paco Martín, Uxío Novoneyra, Milagrosa e Maruja Mallo), en horario de 08:30 a 14:30 horas e por quincenas: do 3 ao 14 e do 17 ao 31 de xullo e do 1 ao 14 e do 16 ao 31 de agosto, e que tamén chegarán ás escolas do rural onde, nestes momentos, o departamento está a detectar as necesidades actuais para ofertar un servizo á demanda en función das mesmas.
“As e os máis pequenos poderán aproveitar estas xornadas para desfrutar de xogos cooperativos e de psicomotricidade, manualidades, etc, recorrendo sempre que se poida, aos espazos ao aire libre da contorna”, abondou Olga López.
As persoas interesadas poderán presentar presencialmente a súa solicitude entre o 12 e o 16 de xuño nos centros sociais de A Milagrosa, Lamas de Prado, Uxío Novoneyra e Maruja Mallo, entre as 09:00 e as 13:00 horas, ou ben a través do Rexistro electrónico do Concello.
“A adxudicación das prazas (480 a razón de 20 por cada centro e quenda) terá lugar o 20 de xuño nun sorteo informático público e a cota será de 10’30 € - para as quendas de 10 días e de 12’36€ para a última quincena de agosto (12 días), aínda que o Concello contempla bonificacións do 50% para o/a segundo/a fillo/a mentres que o/a terceiro/a quedará exento, previa xustificación e sempre que os ingresos da unidade familiar ou de convivencia non superen dúas veces o IPREM do ano 2021, salvo situacións económicas sobrevidas”, indicou a edil.
As listas de admitidos definitivas sairán publicadas o mércores 28.
“O obxectivo é habilitar recursos públicos e accesibles para as familias, favorecendo a súa organización durante as vacacións estivais mentres as e os máis pequenos liberan tensións, saen da rutina diaria e socializan gozando de momentos de lecer coa rapazada da súa mesma idade dunha forma pedagóxica e construtiva”, concluíu Olga López Racamonde.