Hugo Bal presenta unha tese sobre a fauna do Pleistoceno Superior nas Serras Orientais de Galicia

Hugo Bal, graduado en Historia e cun mestrado en Arqueoloxía, vén de defender a súa tese de doutoramento tras seis anos de traballo ininterrompido, iniciado en 2020, un proxecto do que asegura sentirse “moi orgulloso”. A súa investigación, "Estudio zooarqueológico de la ocupación del noroeste de la Península Ibérica durante el último período glacial", céntrase na análise da fauna documentada nos xacementos galegos con rexistro do Pleistoceno Superior, concretamente na Cova Eirós, na Cova da Valiña e en Valdavara.
O investigador explica que o estudo partiu dunha problemática existente en Galicia, xa que a ocupación das serras orientais non podía analizarse con rigor a partir dos rexistros faunísticos dispoñibles, ben porque non foran estudados en profundidade, ben porque precisaban a aplicación de metodoloxías actualizadas. Por iso seleccionaron os tres xacementos con evidencias arqueolóxicas contrastadas e aplicaron neles un mesmo enfoque metodolóxico, empregando idénticas técnicas de análise para poder establecer comparacións, identificar secuencias e comprender a evolución ao longo dun período que abrangue arredor de 40.000 anos.
No caso da Cova Eirós consérvase unha das secuencias máis amplas, con evidencias que se remontan a case 50.000 anos, mentres que en Valdavara 1 as máis recentes sitúanse hai uns 17 ou 18 mil anos. O traballo incluíu a análise directa de máis de 14.000 restos faunísticos procedentes dos tres enclaves, o que permitiu identificar máis de 23 especies distintas a partir dun mínimo de 404 animais.
Bal subliña que a relevancia do estudo reside en situar a investigación do Paleolítico galego, especialmente no ámbito da fauna, nun contexto máis amplo, superando a visión tradicional que limitaba o ámbito cantábrico ao Nalón, en Asturias. Ao seu xuízo, as serras orientais galegas presentan ocupacións de grande importancia. Destaca particularmente a Cova Eirós, que abrangue desde o Paleolítico Medio ata o Superior, o que permitiu reconstruír tanto a evolución ambiental e climática da contorna durante máis de 30.000 ou 40.000 anos como as estratexias de subsistencia dos seus habitantes, tanto neandertais como Homo sapiens.
De cara ao futuro, considera que a investigación abre novas vías, xa que existen niveis aínda sen analizar e xacementos pendentes de revisión. No caso de Valdavara, estudouse unicamente o nivel 1, polo que aínda quedan máis cavidades por examinar. Ao mesmo tempo, entende que o seu traballo constitúe unha base sólida para futuras investigacións sobre o Paleolítico en Galicia, especialmente no relativo á subsistencia das comunidades cazadoras-recolectoras.
Entre os logros dos que se sente máis satisfeito destaca a reconstrución paleoecolóxica realizada, na que se aplicaron metodoloxías innovadoras e pouco empregadas ata o de agora en Galicia, permitindo reconstruír as condicións climáticas e ambientais da rexión ao longo dun amplo período temporal. Ademais, identificouse a presenza de cazadores-recolectores en niveis nos que non se tiña constancia previa, ampliando así o abano cronolóxico da ocupación humana na zona. O estudo tamén confirmou a presenza de porco espiño nas serras orientais, unha hipótese xa formulada por un dos seus directores e que presenta importantes implicacións biocronolóxicas. Finalmente, documentouse a explotación por parte dos grupos humanos de especies pouco habituais nos rexistros de caza ou carroñeo, como o leopardo, o oso ou o oso das cavernas, conclusións que reforzan a relevancia científica do traballo.