Humanidades acolle unhas xornadas sobre a cultura e o patrimonio das comunidades pesqueiras
A cultura e o patrimonio das comunidades pesqueiras centran a temática das xornadas A Cultura do mar: un campo de traballo para a antropoloxía. Patrimonio, sustentabilidade, gobernanza e xustiza social, un foro organizado pola profesora da área de Antropoloxía Social da USC Elena Freire Paz que bota a andar este luns 9 de outubro, a partir das 12.00 horas, no Salón de Graos da Facultade de Humanidades do Campus de Lugo da USC.
A catedrática de Antropoloxía da Universidade de Valencia Beatriz Santamarina Campos abrirá a quenda de intervencións deste programa, que conta con financiamento da Deputación Provincial de Lugo, e co que tamén colaboran o Concello de Burela e a empresa Pescados Rubén, cun relatorio que leva por título ‘Patrimonio colectivo e sustentabilidade. Un matrimonio imperativamente indisoluble’. De seguido, o profesor da Universidade da Coruña Antonio García Allut abordará na súa intervención a patrimonialización e resiliencia nas poboacións de pescadores artesanais.
As xornadas sobre a cultura do mar continuarán en quenda de tarde coa exposición Introdución á gobernanza marina: xestión integrada e modelos de toma de decisión a cargo do profesor do departamento de Ciencia Política e Socioloxía da USC Javier Seijo Villamizar. Ao seu remate, Carlos Sebastián Villasante, do Departamento de Economía Aplicada da USC, ofrecerá o relatorio Pescando (a)mares: navegando desde a economía á equidade social. O antropólogo e profesor da Universidade de Sevilla David Florido del Corral pechará a quenda de intervencións destas xornadas coa charla Podemos mellorar as formas de pescar en flotas artesanais? Leccións desde o éxito e o fracaso.
O programa deste foro continuará o martes 10 de outubro cunha visita ao municipio de Burela, que conta cun dos principais portos pesqueiros do Cantábrico, unha praza especialmente relevante no que se refire a descargas de bonito e de pescada do pincho. Esta saída práctica permitirá ao alumnado e demais persoas inscritas nestas xornadas recoñecer sobre o terreo os contidos, cuestións, exemplos e inquedanzas xurdidos das conferencias celebradas a xornada anterior no marco deste programa.