Humanidades analiza a pervivencia dos mitos de vello nos relatos transmedia de Harry Potter
Os mitos, ritos e relatos de vello non só non desaparecen, senón que integran o folclore do terceiro milenio. Sobre esta hipótese artéllase a investigación que a xornalista e profesora na Facultade de Humanidades da USC Marta Veiga Izaguirre desenvolveu baixo o título Hexemonía e maxia: a pedra filosofal das narrativas transmedia na era fanfiction. A investigadora trazou na súa tese de doutoramento unha análise cultural dun dos fenómenos pop máis relevantes dos últimos anos: a narrativa transmedia de Harry Potter, así como da comunidade que se ten xerado ao redor deste personaxe creado pola escritora británica J. K. Rowling. O traballo logrou evidenciar como certos elementos das narracións orais perviven nos relatos contemporáneos.
A investigación botou a andar coa relectura crítica do corpus pottérico, a revisión bibliográfica e o baleirado de medios de comunicación. “Isto serviume para compoñer unha análise textual e discursiva que pon en relación fragmentos da realidade despedazados para construír un relato”, explica a profesora Veiga. A segunda póla metodolóxica da tese achégase ao que JK Rowling denomina as TERF Wars ou Guerras TERF (Trans-Exclusionary Radical Feminist) nun post na súa páxina persoal en xuño de 2020. Finalmente, a investigadora realizou visitas, observación participante e recollida de datos nos lugares e nas actividades do fandom ou comunidade seareira de Harry Potter.
“Folclore substrato”
A esencia da investigación estrutúrase en tres grandes bloques: Cara ao folclore do terceiro milenio, Hermione no camiño de quita e pon, e JK Rowling e a rebelión do fandom. A primeira parte arranca no expreso de Hogwarts, o tren no que viaxan as crianzas meigas ata o castelo nun lugar secreto e agochado das Terras Altas de Escocia no que funciona dende o século X a escola Hogwarts de maxia e feiticería. Neste apartado a tese aborda a “Materia Pottérica a través dos seus antecedentes nas literaturas populares e librescas e, ao mesmo tempo, aproximámonos a Harry Potter como un produto cultural do seu tempo, os anos noventa do século XX no Reino Unido: en definitiva, un nativo da microxeración xennial, a medio camiño entre a cultura de masas que nos legou o escenario post Segunda Guerra Mundial no mundo occidental e desenvolvido grazas á irrupción da internet de uso doméstico e á cibercultura cando despediamos o século XX”, relata Marta Veiga.
A investigación evidencia que a Materia Pottérica garda un “folclore substrato”, é dicir, un folclore de vello do que a comunidade de fans tira proveito para construír un folclore para o terceiro milenio. “Este folclore novo pode ser un folclore innovación que produza respostas para o presente e mesmo sexa subversivo, ou virar en folclore remedo, un conxunto de produtos culturais que asumimos como tradicionais e que desactivan o pulo do folclore innovación”, matiza a investigadora do Campus Terra. A continuación desprégase a narrativa transmedia de Harry Potter. Resulta neste apartado fundamental canto e como interveñen a acción corporativa —os libros, as películas, o portal web, o merchandising, os parques temáticos—, a acción dos fans —moitas das veces a través do performativo: como o cosplay, a gamificación de programacións escolares ou a creación de equipos de quidditch ou bandas de rock pottéricas— e as zonas grises —bens de consumo ou obxectos culturais, con intención de lucro, pero non postos en circulación pola urda corporativa, senón por outros actores—. Sucede así, por exemplo, con potterdestinos e roteiros de potterturismo polos lugares onde disque Rowling escribiu Harry Potter —aínda que non sexa verdade, como acontece coa libraría Lello do Porto— ou con escenarios que aparecen, ben nos libros, ben nas películas.
A segunda parte, ‘Hermione no camiño de quita e pon’, é un percorrido polas traducións, apócrifos, tributos, adaptacións, pastiches e intertexualidades de Harry Potter “que procuro aproximar á literatura galega, pola vía da tradición oral, dos mecanismos da literatura de cordel, e tamén pola do canon”. A investigadora procura descubrir que sucede coa literatura fantástica nos seus sistemas culturais máis achegados e, sobre todo, a súa posición no canon da literatura galega, “onde nin os motivos do ciclo artúrico nin o marabilloso ocupan un lugar residual ou marxinal”. Serve este capítulo, igualmente, para abordar como se constrúe o canon dos fans, o fanon.
Finalmente, ‘JK Rowling e a rebelión do fandom’ constata como unha parte do fandom de Harry Potter se erixe en contrapúblico e produce un tipo de contradiscurso . Esta parte da comunidade seareira de Harry Potter que se entrega con máis dedicación a conformar un contradiscurso e unha hexemonía alternativa a través das súas creacións fanfiction está integrada moi maioritariamente por mulleres e/ou disidentes sexuais “e denominámola fandom transformativo en oposición a outro fandom que recibe o nome de afirmativo, máis heterotípico, que participa con entusiasmo das propostas da urda corporativa”. O fandom transformativo non só opera á marxe da acción empresarial, senón que as máis das veces promove boicots e faino á contra, a carón de diversos ciberactivismos.
A tese foi dirixida por Elena Freire Paz, profesora da área de Antropoloxía da USC, e Pedro Tomé Martín, investigador científico do Instituto de Lengua, Literatura y Antropología (ILLA) do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC). O traballo con mención internacional contou con estadías no Centro de Estudos Galegos en Gales e na Bangor University. O tribunal estivo composto estivo composto por Lorenzo Mariano Juárez (presidente), catedrático de Antropoloxía da Universidad de Extremadura; Sharon Roseman (vogal), catedrática de Antropoloxía da Memorial University of Newfounland and Labrador, en Canadá; e Cibrán Tenreiro Uzal (secretario), profesor do departamento de Ciencias da Comunicación da USC.