Icenas: "Representamos a loita, a forza, o valor. Todas somos Boudica"

LugoXa
A asociación Lucus Icenas Miliatore vén cargada de actividades propias e colaboración ao primeiro Arde Lvcvs trala pandemia
Icenas destacada
9 Jun 2022

Loitou no século I durante o levantamento de Britania contra a ocupación romana. E, durante unha fin de semana ao ano, a raíña Boudica vén a Lugo personificada nas guerreiras de Lucus Icenas Miliatore, unha asociación de recente creación que chega con moitas ganas de gozar do Arde Lvcvs sen restricións. O seu campamento pódese visitar na praza Anxo Fernández Gómez de 17.00 a 20.00 horas o venres, de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 19.30 horas o sábado e de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 19.00 horas o domingo.

Quen son Lucus Icenas Miliatore?
Somos unha asociación de recreación histórica. Representamos á raíña britana celta Boudina e ao seu pobo iceno. Formada por mulleres guerreiras representamos a loita, a forza, o valor. Todas somos Boudica. Invitámosvos a coñecernos e a que vexades os nosos videos en Youtube: Na leig as idir (Non te rendas), unha pequena aportación á pandemia da Covid; e Mliye (A miña vida nos teus ollos), a nosa visión sobre Boudica. A música é orixinal, feita para nós pola banda Forget la France.
O noso campamento está na praza Anxo Fernández Gómez, xusto detrás da Casa do Concello.

Cantas persoas a forman?
Comezamos sendo 11, agora mesmo somos 20 socias.

Cando naceu a asociación?
Somos de recente creación. Formada en 2019, constituímonos como a 18 asociación do Arde Lucus.

Que actividades tedes preparadas para este ano?
Este ano está cargado de actividades. Ademais de varios desfiles polo centro da cidade, temos unha ampla programación. Así, o xoves pola mañá abriremos, excepcionalmente,  o campamento para recibir nel ao alumnado do colexio infantil Veleiro -Docampo. Ese mesmo día, ás 20.30 horas recibiremos, non sen loitar, ás tropas romanas na Ponte.

O venres abrimos, xa si, o campamento ao público xeral e, ás 19.00 horas teremos a activida Rebelión da raíña Boudica, máis tarde, ás 20.00 horas participaremos, co resto de tribus castrexas na Asemblea.

O sábado comezamos ás 12.00 horas para loitar, na Spugnatium, contra o asedio de Roma xunto a outras asociacións castrexas, na praza de Campo Castelo. As actividades continúan pola tarde co Asedio ao campamento romano de Kertix ás 19.00 horas e, máis tarde, participaremos no gran desfile co resto de tropas pola Muralla.

Á medianoite participaremos no acto de ofrenda e sacrificio ao deus Kur.

O último día, o domingo ao mediodía recibiremos aos nosos guerreiros no campamento. Trátase dos nenos que, ao longo do ano, participaron nos obradoiros do Arde Lucus Cultural e que fixeron a réplica do noso escudo en cartón e pintura. Virán visitarnos co escudo para sacar unha foto de grupo con Boudica e Icenas. Ademais, témoslles preparada unha gran sorpresa.

Pola tarde, teremos diversos actos dentro do campamento como unha Arenga no trono de Boudica e a Bendición de Andraste. Asemade, acudiremos ao encontro final a loitar e firmar a paz ata o vindeiro ano.

Como agardades que sexa este ano, logo da pandemia?
Forons uns anos moi duros. A pandemia, as restricións... Hai moitas ganas de Arde Lucus. As previsións indican un cheo total tanto de foráneos coma de lucenses. As asociacións dámolo todo, poñemos moita ilusión e traballamos moi duro todo o ano para que estes días a cidade poida desfrutar. A nosa maior ledicia é que a xente se una e participe. E que se caractericen, para velo todo dende a nosa perspectiva. Que saian á rúa coa familia, cos amigos e con ganas de viaxar ao pasado. Que os nenos pequenos crezan orgullonos do noso Arde Lucus.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.18723702430725