Ida e Volta investiga no Altar de Adai para crear novas lendas dende a arte e a arquitectura

O colectivo de arquitectas e artistas contemporáneas Ida e Volta (IVY), integrado por Raquel Vázquez e Laura Valdivieso, atópase estes días en Lugo desenvolvendo unha residencia de arte dixital centrada na creación de novas lendas ao redor do Altar de Adai, unha enigmática estrutura pétrea oculta entre os bosques lugueses, marcada por columnas gravadas e antigas vinculacións con prácticas simbólicas e de agoiro.
A súa investigación vai máis alá do estudo material do territorio, afondando tamén nos solapamentos mitolóxicos que o habitan. A través dunha combinación de metodoloxías analóxicas e dixitais, IVY propón desmontar e reconfigurar as narrativas tradicionais para xerar novas formas críticas de ler e habitar as paisaxes actuais.
Como parte da súa estadía en Lugo, que se prolongará ata o 22 de xuño, desenvolverán diversas actividades abertas ao público. O 15 de xuño realizarase unha excursión ao Altar de Adai, seguida dun obradoiro de modelado 3D, con inscrición previa. O 21 de xuño, terá lugar a inauguración da exposición final, onde se presentarán os resultados da súa investigación.
Esta residencia insírese en Visión Periférica, o programa de residencias artísticas impulsado por Leira Haus, espazo dedicado á investigación, creación e produción cultural contemporánea. O programa foi recoñecido a nivel estatal e conta co financiamento das Axudas INJUVE á creación 2025.