Idoia Cuesta e Santiago Besteiro compiten polo premio Artesanía de Galicia

TerraChaXa | LugoXa
Os obradoiros de Idoia Cuesta (Outeiro de Rei), Santiago Besteiro Design (Monterroso), finalistas DO premio Artesanía de Galicia.
IDOIA CUESTA SANTIAGO BESTEIRO ARTESANIA
25 Nov 2021

Os obradoiros de Idoia Cuesta (Outeiro de Rei), Santiago Besteiro Design (Monterroso) e Jatafarta (Santiago de Compostela), á fronte do cal está a estradense Edita Rodríguez Oca, competirán como finalistas polo premio Artesanía de Galicia 2021, a categoría principal deste certame no que tamén se inclúe o Premio Traxectoria e o Premio Bolsa Eloy Gesto.

O obxectivo principal destes galardóns organizados pola Xunta a través de Artesanía de Galicia é recoñecer e visibilizar o traballo do sector artesán galego, así como contribuír ao seu desenvolvemento económico, divulgar os oficios artesanais, potenciar a creatividade dos profesionais, incentivar os novos talentos na Artesanía de Galicia e apostar pola introdución da innovación e do deseño nos procesos de produción.

O xurado decidiu por unanimidade nomear finalistas para o Premio Artesanía de Galicia, dotado con 9000 euros, as candidaturas de Jatafarta e Santiago Besteiro Design, que xa resultaron finalistas do Premio Artesanía de Galicia 2020, así como a presentada por Idoia Cuesta.

No caso do obradoiro de coiro Jatafarta (Santiago de Compostela), compite coa peza con lema Bolso Urbana, unha peza pensada para integrar varias funcións nun pequeno espazo, un bolso que  introduce outros usos menos habituais pero prácticos nun entorno urbano, grazas á incorporación dun peto exterior, chegando a converter o propio bolso nunha continuación do brazo.

O obradoiro Idoia Cuesta. Cestería Contemporánea (Outeiro de Rei) presenta a peza con lema Abisal. Trátase dun cesto elaborado con tanza de pesca, un material plástico e translúcido empregado habitualmente para a pesca artesanal, que conforma a peza central dunha colección de cestos máis ampla e baseada na zooloxía mariña.

A peza con lema Candil, do obradoiro de coiro Santiago Besteiro Design (Monterroso), é unha lámpada portátil elaborada en coiro e madeira de pradairo que busca revisar un elemento tradicional da cultura galega como é o candil e achegalo á funcionalidade e ao deseño contemporáneos.

O xurado encargado de outorgar os Premios Artesanía de Galicia 2021 estivo presidido polo director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia. Os vogais foron Teresa Astorgano, do obradoiro Traxandaina Traxe Tradicional, gañador do Premio Artesanía de Galicia 2020; Marta López, subdirectora xeral de Comercio; Manuel González Arias, presidente de Oficioyarte, (Organización dos Artesáns de España) e un dos fundadores da Asociación Galega de Artesáns (AGA); Xosé Manoel González Rivera, director da Escola de Arte e Superior de Deseño (EASD) Antonio Faílde de Ourense; e Eduardo López Valiña, artista e comisario independente.

A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, actuou como secretaria do xurado, con voz pero sen voto.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.2085440158844