Imparten en Lugo clases de ximnasia ao aire libre para maiores
As clases teñen lugar en diferentes prazas e parques da cidade, de luns a xoves, até o 31 de agosto, entre as 18:30 e as 19:30 horas. Non é necesaria a inscrición.
A concelleira de Benestar e Maiores, Olga López Racamonde, animou á cidadanía lucense a participar nas actividades de ximnasia ao aire libre organizadas pola súa área para aproveitar, durante os meses de verán, as prazas e parques da cidade como lugares de socialización, en prol dun ocio saudable e dun modelo de vida activa ao aire libre.
“É importante que as persoas maiores realicen exercicio físico e combatan o sedentarismo e a soidade ao mesmo tempo que poidan socializar e que o fagan en contornas coñecidas e cómodas, próximas aos seus domicilios - subliñou a concelleira – por iso convidámolos a participar desta programación e a sumarse ás clases que se levan impartindo xa dende o 3 de xullo en diferentes contornas de todos os barrios da capital”.
A actividade, para a que non é preciso inscribirse senón simplemente achegarse ate as localizacións sinaladas, impartiranse até o 31 de agosto, en horario de 18:30 a 19:30 horas. Os luns e mércores serán nas Prazas do Castiñeiro, Viana do Castelo e no parque de Trapero Pardo, mentres que os martes e xoves se desenvolverán nas Prazas das Illas, na Praciña da Igrexa, Praza Roxa, da Milagrosa e do Camiño Primitivo.