Imparten na Casa das Insuas un novo curso de ilustración da natureza
Este domingo terá lugar na Casa das Insuas un novo Curso de ilustración da natureza do 2024, impartido pola debuxante Mariana Roura e organizado pola Asociación Galega de Custodia do Territorio, no que se poden aprender as bases para debuxar a natureza.
O curso conta con catro sesións ao longo do ano. A primeira celebrouse o 24 de marzo (as aves das Insuas) e esta segunda será o 14 de abril, para pequenos mamíferos das Insuas. Continuarán o 26 de maio (a flora das Insuas) e o 23 de xuño (composicións naturalistas: como retratar pequenos tesouros).
Pódese realizar o curso completo ou as sesións que se escollan. A inscrición para este está aberta e para os outros abrirase uns 10 días antes de cada sesión. Esta debe facerse en www.custodiadoterritorio.org/actividades. As prazas son limitadas.
Esta actividade inclúese dentro do acordo de custodia do territorio asinado entre a AGCT e a Deputación de Lugo para a conservación, investigación e divulgación da natureza nas Insuas do Miño e Ollos de Begonte e na Reserva da Biosfera de Terras do Miño.