Imparten ximnasia de mantemento e fortalecemento en varias parroquias de Guntín

As sesións de Ximnasia de Mantemento e Fortalecemento organizadas polo Concello de Guntín xa están en marcha e abertas á participación de todas as persoas interesadas en mellorar a súa condición física, a mobilidade e o benestar xeral.
Esta iniciativa, enmarcada nas accións municipais de fomento da saúde e do envellecemento activo, ten como obxectivo promover hábitos saudables e favorecer a socialización a través da actividade física.
As clases impártense en diferentes puntos do municipio para facilitar o acceso da veciñanza. En Guntín, teñen lugar no pavillón municipal os martes de 20:00 a 21:00 horas e os xoves de 20:15 a 21:15. En Lousada, as sesións celébranse na escola vella os luns e mércores de 20:30 a 21:30. Pola súa banda, en Mosteiro, a actividade desenvólvese no local social os mércores de 17:00 a 18:00 horas, mentres que en Costante se realiza tamén no local social, os mércores de 18:30 a 19:30.
Desde o Concello salientaron que este programa pretende ofrecer unha oportunidade accesible e adaptada a todas as idades para mellorar a forma física e o ton muscular, nun ambiente participativo e de convivencia.