Impulsan a formación de persoas refuxiadas no sector da construción en Lugo

LugoXa
O Concello de Lugo organizará unhas xornadas informativas para divulgar o labor da Fundación Laboral da Construción e promover o emprego de profesionais formados neste ámbito
APEC-e-Concello-de-Lugo
23 May 2025

A necesidade de profesionais cualificados no sector da construción está a abrir novas oportunidades formativas para persoas refuxiadas, que poderán acceder a programas de capacitación en oficios como albanelaría, fontanería, carpintería ou electricidade.

Este compromiso, que busca facilitar a integración laboral e social destas persoas, nace do acordo entre a Asociación Provincial de Empresarios da Construción (APEC) e a Fundación San Calixto, en colaboración coa Fundación Laboral da Construción. A formación será desenvolvida no marco do traballo conxunto destas entidades, coa participación activa do Concello de Lugo no padroado da fundación.

Neste contexto, o Concello organizará unhas xornadas informativas para divulgar o labor da Fundación Laboral da Construción e promover o emprego de profesionais formados neste ámbito. A iniciativa busca dar resposta a unha demanda crecente de man de obra especializada, nun momento de dinamismo para o sector.

Durante unha reunión mantida entre o presidente da APEC, José Manuel Rodríguez Espiñeira, o vicepresidente David Pernas e o alcalde Miguel Fernández, abordouse tamén a boa evolución da área de Urbanismo. Fernández destacou que entre xaneiro e maio xa se tramitaron permisos para 138 vivendas, fronte ás 188 do conxunto de 2024, o que, segundo o rexedor, evidencia tanto o crecemento da actividade como a axilidade na tramitación das licenzas. Subliñou ademais a boa sintonía co sector, o asesoramento previo e a atención personalizada aos promotores como factores que están a mellorar notablemente os resultados.

O alcalde considerou "moi satisfactoria" a xuntanza, na que tamén puxo en valor os últimos cambios impulsados pola alcaldesa Paula Alvarellos para reforzar o servizo de Urbanismo, cun aumento de persoal, simplificación de trámites e maior axilidade nas licenzas de obra menor. Segundo afirmou, "o servizo está funcionando a moi bo ritmo" e a colaboración entre administración e sector privado será clave para responder aos retos actuais da construción.

⚙ Configurar cookies
0.12453508377075