Impulsan a inserción laboral de persoas con problemas de saúde mental en Lugo

O Concello de Lugo, a asociación Saúde Mental Feafes e a Fundación Mapfre reafirmaron o seu compromiso coa integración laboral das persoas con problemas de saúde mental.
O evento, que serviu para pechar o período de prácticas en empresas concesionarias municipais, puxo en valor o programa Juntos Somos Capaces, que leva máis de doce anos facilitando o acceso ao emprego a este colectivo.
A concelleira, Ana González Abelleira destacou a implicación das empresas luguesas que participan activamente nesta iniciativa, ofrecendo prácticas laborais que en moitos casos se traducen en postos de traballo estables.
Desde a súa posta en marcha en Lugo, este plan permitiu que 193 persoas con problemas de saúde mental accedesen a un emprego, un dato que a edil puxo en valor lembrando “a importancia que un posto de traballo pode ter para a autonomía e independencia das persoas con algún problema de saúde mental”.
No mesmo acto, Manuel Fernández Prado, representante de Feafes e presidente da asociación Alume, insistiu na necesidade de continuar con este tipo de iniciativas, non só polo seu impacto positivo na recuperación e mellora das persoas usuarias, senón tamén porque contribúen a combater o estigma social que aínda rodea á saúde mental. Fernández Prado subliñou que a inserción laboral é unha ferramenta clave para construír unha sociedade máis xusta e inclusiva.