Impulsan a inserción socio-laboral en Lugo cun obradoiro de costura

LugoXa
O Concello cede dous locais no CEI Nodus e A Tinería para que poidan dar a coñecer e comercializar as súas creacións do Arde Lucus
Tecer-para-medrar
Integrantes da iniciativa
4 Xuño 2024

O Executivo de Paula Alvarellos impulsa a inserción socio-laboral de colectivos vulnerables a través da iniciativa Tecer para medrar, que se está a desenvolver no CEI-Nodus, impulsada pola Federación de Asociacións de Ámbito Social de Lugo (Fadas Lugo), co apoio do Concello. O edil Mauricio Repetto, mantivo un encontro coas usuarias deste taller de costura que ocupan un local no viveiro da Tinería, mediante unha cesión municipal.

O concelleiro de Dinamización Económica lembrou que no 2021 cederon a Fadas un espazo no CEI Nodus para impartir esta formación, “a través da que o Concello busca impulsar a inserción socio-laboral de colectivos vulnerables, ao tempo que se tralla no desenvolvemento de habilidades brandas como a confianza e autoestima persoal”. Durante este tempo, 38 persoas desempregadas, “e na súa maioría migrantes, pasaron polo taller e na actualidade unha decena continúan formándose”, explicou o edil.

Repetto subliñou que “agora quixemos dar un paso máis nesta colaboración, facilitándolles un local no viveiro de empresas da Tinería durante este mes de xuño para que poidan dar a coñecer e comercializar as súas creacións, en concreto as enmarcadas na colección ‘Origo’, traxes castrexos de home e muller e complementos artesanais que realizaron coa supervisión da deseñadora María Barros de cara ao Arde Lucus”.

Para o Concello Tecer para medrar é un taller prioritario porque” non só dá ferramentas para o acceso ao mercado laboral a este grupo de persoas, senón que tamén traballa a integración porque maioritariamente son colectivos de inmigrantes”, explicou o concelleiro, quen engadiu que “no local da Tinería poderán ensinar o seu traballo, para dar a coñecer o talento e a implicación no proxecto”.

O vicepresidente da Deputación de Lugo Efrén Castro valorou “a iniciativa que revaloriza o traballo desenvolvido polas alumnas e tamén polas persoas que colaboraron na formación ao longo destes anos” e “que amosa dunha forma práctica que a artesanía ten un gran potencial nunha sociedade na que se valoran cada vez máis as formas de produción e consumo sostibles”.

Tecer para medrar é a evolución de Tecer para integrar. O obxectivo desta fase é formar novas alumnas para avanzar nos coñecementos relacionados coa produción de prototipos e na posta en marcha de iniciativas empresariais.  Neste senso, as alumnas contan co apoio e asistencia de persoal do CEI-Nodus para o desenvolvemento de habilidades sociais, motivación para o emprego, alfabetización dixital e recursos para as xestións con diferentes administracións.

Colección Origo

A colección Origo rende homenaxe aos Galaicos, honrando os seus costumes e cultura a través dun vestiario de recreación confeccionado por todas as mulleres integrantes do taller Tecer para Medrar, unha iniciativa que se puxo en marcha en 2021 para impartir unha formación en costura creativa e artesá que favorecese a inclusión socio laboral das súas integrantes.

Para esta ocasión, contouse coa deseñadora María Barros, quen reflectiu o legado dos Galaicos no deseño dunha colección composta por 6 conxuntos de roupa. A deseñadora recorreu a diversas teses doutorais, estudos especializados, tanto en historia como en arqueoloxía e arte, así como a pezas museísticas. As prendas inclúen motivos galaicos presentes na cerámica da Idade de Ferro, todos eles bordados a man coas puntadas empregadas na época e os valores cromáticos imaxinario histórico. Tecidos como o liño e a la, predominan nunha colección formada fundamentalmente por túnicas, mantelas e sahums.

A implicación destas mulleres na colección abarcou a totalidade do proceso, desde a elaboración da patronaxe e a súa confección, a utilización de tinguiduras naturais para o tinguido de tecidos, seguindo cos procesos propios da época, a elaboración de cintos en teares, e mesmo a manufactura dos cintos diadema realizadas en metal.

0.11102700233459