Impulsan os vieiros escolares seguros co proxecto “Camiño ás aulas” en cinco colexios de Lugo

A Tenencia de Alcaldía retoma os Vieiros Escolares Seguros, un programa que baixo o nome de Camiño ás aulas permitirá ás nenas e nenos dos CEIP Albeiros, Casás, Luís Pimentel, Paradai e Rosalía de Castro desprazarse desde as súas casas ata o colexio nun itinerario peonil seguro.
A iniciativa, segundo explicou Buide durante unha visita ao treito peonalizado do Camiño Real xunto co edil de Infraestruturas, Alexandre Penas, ademais de impulsar hábitos de vida saudables, serve para que o alumnado coñeza os espazos peonís creados nos últimos anos.
A concelleira destacou que este servizo “axuda á conciliación familiar e contribúe a reducir o tráfico rodado na contorna dos centros educativos”. O proxecto consiste en que monitores acompañen cada día o estudantado ata a entrada ao colexio, con diferentes puntos de recollida para facilitar a incorporación do alumnado no lugar máis próximo ao seu fogar. A chegada realízase, como máximo, cinco minutos antes do inicio das clases.
Buide lembrou que “o ano pasado comezamos a ofrecer o servizo nalgúns centros a mediados de curso tras varios proxectos piloto, pero agora damos un paso adiante e poñémolo en marcha desde o primeiro día en cinco colexios”. Tamén subliñou que a posta en funcionamento destes vieiros escolares implica “un cambio nos hábitos de mobilidade, reducindo o uso do vehículo privado”, grazas ás medidas de calmado de tráfico aplicadas nos últimos anos pola área de Mobilidade, que permiten garantir a seguridade viaria nos traxectos escolares.
As rutas abranguen diferentes zonas da cidade. No caso do CEIP Paradai, o percorrido inclúe a rúa Santo Graal, Camiño Real, Menorca e San Lourenzo. O CEIP Albeiros conta con dúas rutas: unha pola rúa Xenebro e outra polas rúas Illas Canarias, Illa Madeira e Garaballa de Arriba. O CEIP Abella ten a súa saída na Rolda do Carme con Marqués de Ombreiro, pasando pola Avenida das Américas, Ameneiro, Saúde e Orquídea.
No caso do CEIP Rosalía de Castro, o camiño discorre desde a Rolda da Muralla por Nova, Campo, San Pedro, Porta de San Pedro, San Roque e Cambria. Finalmente, o CEIP Luís Pimentel terá como punto de inicio o aparcadoiro disuasorio da rúa Manuel María, continuando por Avenida da Coruña, Ferreiriño, Lavandeira e Gallego Tato.