Impulsan un modelo sostible de reparto urbano coa participación de comerciantes e loxísticos

O Goberno local de Lugo deu un novo paso no deseño dun sistema de distribución de última milla máis respectuoso co medio ambiente. Esta semana celebrouse no CEI Nodus unha reunión convocada polo Concello coa empresa encargada do estudo de viabilidade, Think and Move, e representantes dos sectores implicados no reparto urbano.
O concelleiro de Dinamización Económica, Mauricio Repetto, explicou que a iniciativa partiu do propio Goberno local, co obxectivo de implicar desde o inicio a comerciantes, hostaleiros e profesionais da loxística. Segundo destacou, só con este diálogo será posible deseñar un modelo “realista, viable e beneficioso para o tecido económico e a veciñanza”.
Na xuntanza abordáronse cuestións como os límites de tonelaxe permitidos para vehículos no recinto amurallado, a opción de crear plataformas loxísticas periféricas, os horarios de acceso ao centro histórico, así como as necesidades particulares dalgúns establecementos e a capacidade de carga de cada tipo de vehículo. Todas estas achegas incorporaranse ao estudo, que deberá encaixar coa futura ordenanza da Zona de Baixas Emisións, destinada a reducir a polución e mellorar a calidade do aire na cidade.
O contrato para a redacción deste estudo foi adxudicado por 32.404,99 euros e forma parte da dotación que Lugo recibe do proxecto europeo Socilibre, financiado con fondos FEDER a través do programa Interreg Europe. En total, o municipio dispón de 148.612,86 euros, dos que 111.459,64 proceden do fondo europeo. O documento sentará as bases dun sistema de distribución de proximidade apoiado en vehículos de cero ou baixas emisións, que permitirá optar a futuras convocatorias de financiamento europeo tanto para a creación de hubs de reparto como para a adquisición de flotas sostibles.
Repetto puxo en valor que Lugo está a anticiparse ás convocatorias comunitarias cun proxecto sólido, preparado para captar fondos destinados a mellorar o transporte urbano. Subliñou tamén que esta iniciativa non só busca diminuír a contaminación, senón tamén fomentar a cohesión social, favorecendo a creación de emprego digno en colectivos con máis dificultades de inserción laboral.