Impulsan un novo plan de melloras en varias estradas municipais da contorna rural de Lugo

LugoXa
O proxecto contempla actuacións específicas nas parroquias de Tirimol, Vilachá de Mera, Calde, San Xoán Alto, Santa Comba, San André de Castro e San Xoán de Pena
melloras-nos-accesos-ás-parroquias-de-Lugo
13 Nov 2024

A Área de Cohesión Territorial do Concello de Lugo impulsa un novo plan de melloras en varias estradas municipais da contorna rural, unha intervención que sae a licitación e permitirá acondicionar vías clave, asegurando un tránsito máis seguro e cómodo para a veciñanza.

A execución dos traballos está prevista para a próxima primavera, cando as condicións meteorolóxicas sexan máis axeitadas para poder levalos a cabo.

A concelleira de Cohesión Territorial, Ana Abelleira, destacou o compromiso do Concello con estas actuacións: “Só a través da acción podemos amosar a nosa convicción de manter en bo estado e de forma continuada as vías rurais, e estas actuacións son o mellor exemplo,” subliñou.

O proxecto contempla actuacións específicas nas parroquias de Tirimol, Vilachá de Mera, Calde, San Xoán Alto, Santa Comba, San André de Castro e San Xoán de Pena, cun investimento total de 367.894,45 euros.

A edil confirmou que as obras “forman parte da distrubución plurianual de mantemento de vías que levamos a cabo dende Cohesión Territorial, que prioriza os traballos nas infraestruturas que sofren un maior desgaste e un volumen de utilización máis intenso por parte da veciñanza”, concluíu.

As obras, en detalle

En Tirimol, realizarase o acondicionamento e mellora da estrada na Brea, mentres que en Vilachá de Mera, a intervención centrarase na estrada en Liñar.

Así mesmo, en Calde, as obras terán lugar nas proximidades do Centro Social, favorecendo o acceso a este espazo comunitario.

Na parroquia de San Xoán Alto, acometerase a mellora da estrada de acceso a Abelairas, unha vía de gran importancia para a mobilidade dos residentes.

En Santa Comba, mellorarase o acceso en Pacios, facilitando o tránsito en áreas onde o firme actual presenta un desgaste manifesto.

As intervencións en San André de Castro e San Xoán de Pena incluirán varias melloras clave. En San André de Castro, a actuación terá lugar detrás da Fortaleza, mentres que en San Xoán de Pena se acondicionarán as estradas nas proximidades da igrexa e do colexio de Nadela, así como o acceso á urbanización nesta mesma área.

Estes traballos inclúen a limpeza das cunetas, o reforzo do firme con aglomerado en quente, e a instalación de sinalización vertical e horizontal en puntos de intersección e zonas de especial visibilidade.

A edil, Ana Abelleira subliñou tamén que “estas intervencións garanten o acceso seguro aos núcleos rurais e son fundamentais para apoiar o desenvolvemento sostible e equilibrado do noso concello" e engadiu ademais que "continuaremos a traballar para que as estradas municipais se manteñan en condicións óptimas, tanto nas zonas urbanas como nas rurais".

0.1314799785614