Impulsan unha nova edición do ciclo Novas Músicas de Tele-Clube en Lugo
Botará a andar unha nova edición do ciclo Novas Músicas, un programa de concertos organizado pola asociación Tele-Clube que aposta por propostas musicais innovadoras e que conta co apoio da área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo. O ciclo, que se celebrará do 17 ao 19 de xullo, presta atención á localización dos concertos, que busca espazos culturais que enriquezan a experiencia sonora.
O dúo asturiano Galgo será o encargado de abrir esta edición nos xardíns do Museo Provincial. O día 18 será a quenda de Margarida Mariño nos xardíns do Pazo de San Marcos e Marta Verde & José Venditti pechará o evento na Capela de Santa María o venres 19. Todos os concertos celebraranse ás 20.30 horas. Os xardíns do Pazo de San Marcos acolleron a presentación do cartel no que participaron a deputada de Cultura Iria Castro e o secretario-tesoreiro da asociación César Acebedo.
Castro valorou esta cita que “da continuidade á colaboración entre a institución provincial e a entidade cultural para consolidar o ciclo experimental que permite escoitar en Lugo a creadoras e creadores de vangarda, que non están nos circuítos comerciais convencionais” Acevedo quixo destacar que “este festival é un salto de calidade e permiten coñecer bandas diferentes a toda a cidadanía que queira innovar e coñecer novas músicas. Cada ano o ciclo vai a máis e atrae a máis público aos concertos, vímolo notando nos diferentes ciclos”.
Programa
O 17 de xullo será o concerto de Galgo ás 20.30 horas no xardín do Museo de Lugo. O dúo asturiano está formado polo multiinstrumentista Javier Bejarano, membro da banda Fee Reega e do proxecto audiovisual Monochrome xunto ao produtor Óscar Mulero, e a pianista Verónica R. Galán, compositora e interprete de música para Teatro. A banda, que adoita describir a súa música como “bandas sonoras para películas que aínda non existen”, acaba de lanzar o seu primeiro disco de titulo homónimo, no que presentan unha selección de pezas de intensa profundidade e debuxan unha serie de paisaxes sonoras de evocación abstracta.
No repertorio cohabitan dunha maneira natural o ambiente e as melodías orgánicas, con angostas texturas, sobre os que se levantan escenas cinematográficas, nun paseo pola penumbra no que ben podería ir da man de Madame Blavatsky. O xoves 18, á mesma hora é a quenda de Margarida Mariño, natural de Vigo, comeza os seus estudos de violoncelo aos oito anos no Conservatorio Profesional de Música da mesma cidade con Isabel Figueroa. No ano 2008 trasládase a Barcelona para licenciarse no Conservatorio Superior do Liceo.
Recibiu clases de prestixiosos violoncellistas como Cristoph Coin, Barbara Switalska, Asier Polo ou Herre Jan Stegenga e formou parte de distintas orquestras a nivel internacional como a Orquestra Réssonance en Suíza, ou La Via dei Concerti en Italia. A exploración dos límites sonoros e estéticos do violoncelo levárona a experimentar con xéneros onde o seu instrumento non é tan común, como o Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra, ou o Seminario Permanente de Improvisación Libre (SPIL). En 2015 foi galardoada co dúo Treme polo premio Música Xove á mellor banda galega.
O 19 chegan, ás 20.30 horas na Capela de Santa María, Marta Verde e José Vendetti, un dúo de artistas que levan desenvolvendo xuntos performances audiovisuais desde 2015. No seu traballo exploran os límites da melodía e o ruído, harmonía e tensión, nun exercicio de equilibrio entre composición e libre improvisación. Na maioría dos seus proxectos fixeron especial foco na exploración das experiencias místicas ou espirituais que atravesaron aos seres humanos ao longo da historia.