Impulso Verde recibe o Premio Mapei como exemplo de arquitectura sostible e compromiso ambiental

O edificio Impulso Verde, situado no barrio da Garaballa, vén de ser recoñecido co Premio Mapei 2024 como exemplo destacado de arquitectura sostible, nun acto no que se descubriu unha placa que sinala esta distinción.
O galardón, outorgado polo Colexio Oficial de Arquitectos de Madrid, recoñece a excelencia no deseño, na execución e na responsabilidade ambiental desta infraestrutura pioneira construída integramente con madeira autóctona.
O concelleiro de Urbanismo, Jorge Bustos, participou na xornada técnica celebrada no propio edificio, acompañado pola arquitecta municipal e coautora do proxecto, Susana Penedo, e polo xerente de Evislusa, Benigno Jáuregui.
Durante o acto, puxeron en valor o simbolismo deste premio, que encaixa co modelo de cidade que promove o Goberno local: unha cidade que aposta polos recursos naturais, pola construción sostible e pola valorización do territorio.
Bustos subliñou que “a utilización de madeira autóctona non só representa un compromiso co medio ambiente, senón tamén unha maneira de fomentar a bioeconomía e xerar valor engadido a través dos nosos recursos forestais”.
Engadiu ademais que o xurado destacou o Impulso Verde como “un icono urbano no que a sostibilidade e a forza formal conviven creando un impacto positivo no espazo no que se integra”.
O edificio foi escollido como gañador na categoría de equipamento tras competir con outros cinco proxectos de todo o Estado: o Colegio Mayor Somosierra (Madrid), a reforma da Facultade de Filosofía e Letras de Zaragoza, o Hotel Acouga (Ourense), o Mercado Provisional de Horta (Barcelona) e un centro de acollida para mulleres sen fogar tamén en Barcelona.