Inauguración dun skatepark en Lugo con polémica

LugoXa
Lara Méndez amplía as instalacións deportivas municipais cun novo skatepark que North Skateboarding Club Lugo considera deficiente.
skatepark obras lugo
16 Xul 2021

O Concello de Lugo amplía as súas instalacións deportivas coa apertura dun skatepark na tarde de onte, que permitirá a práctica dos deportes urbanos de acción máis demandados, que está ubicado entre a rúa Veiga Grande e a avenida Fabio Paulo Máximo, ao carón entre outras dependencias deportivas municipais.

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acompañada do concelleiro de Deportes, Mauricio Repetto, procedeu a apertura desta área, “que integra diversos elementos que permitirán o seu uso tanto para debutantes como para usuarios avanzados xa que dispón de distintas superficies, plataformas e liñas de fluidez”.

Para animar a apertura, a área de Deportes programou unha sesión de baile da Escola de Danza Gravity e de música, amenizada por Salvador Ruído e os seus conectores, tres Dj locais.

Instalacións

A rexedora lembrou que o investimento municipal ascendeu a 215.000 euros e que a garantía da obra é de cinco anos.

Según o Concello "construíu unha área nunha superficie de 1.580 m2, cunha pista de 887 m2, que servirá para a práctica das dúas modalidades principais do skateboarding: street e park, mantendo unha proporción e relación entre as dúas zonas".

"A dotación inclúe a bañeira, que ocupa aproximadamente 200 m2 dentro do coping, no centro da instalación. Os elementos do skatepark que a rodean inclúen unha semi pirámide, un quarter, apto para multitude de trucos de todos os niveis; unha esquina elevada de Street, coroada por un mini bank e que cae cara á plataforma principal por un plano inclinado suave cun hubba e un rail, aptos para patinar en todas as posicións" sinalaron.

North Skateboarding Club Lugo

Un dos colectivos de referencia na cidade de Lugo no mundo do skate como é North Skateboarding Club Lugo, transmitiu un comunicado explicando a súa decisión de non tomar parte como club na inauguración do novo skatepark “esto débese a que non se nos tivo en conta e non existiu unha comunicación construtiva con nós en ningún momento, mostrando unha falta de saber facer e de respecto hacia aquelas persoas que levamos toda a vida practicando este deporte”.

Así pois, dende o club, deixan claro o descontento e a indignación coa actual actuación do Concello no novo skatepark na que sinalan que, contando cun presuposto elevado, "o skatepark é moi limitado, con malos acabados e moi inferior a outros presupostos similares”. Engaden, ademais, que vistas as actuacións que se estaban a levar a cabo, alertaron ao Concello presentando informes e comparativas que non se tiveron en conta.

Por outro lado, consideran que moitas empresas de construción de skateparks aproveitan o momento de auxe deste deporte, así coma o descoñecemento de concelos e institucións para inflar presupostos sen que o resultado final se axuste aos mesmos; algo que se podería evitar se o propio Concello tivese máis comunicación co club.

De feito, poñen coma exemplo outros skateparks como o de Camas, en Sevilla, que ten unha superficie de 2.500 metros cadrados e tivo un custe de algo menos de 230.000 euros. Así mesmo, outro skatepark que poñen coma exemplo é o de Portonovo, que conta cunha superficie de 1.800 metros cadrados e tivo un custe de 170.000 euros. Por esta razón, consideran que, co presuposto co que se contaba, non se aproveitase a oportunidade de realizar un skatepark de calidade, que puidese chegar a ser referencia.

skatepark lugo
0.17737007141113