Inaugurada a 63ª Reunión Científica da Sociedade Española de Pastos en Lugo

LugoXa
Deputación e Xunta coinciden en salientar o valor estratéxico dos pasteiros para a biodiversidade, a produción agrogandeira e a prevención de incendios
Congreso-Sociedade-de-Pastos-EPSE-Lugo
24 Sep 2025

A Escola Politécnica Superior de Lugo é o escenario da 63ª Reunión Científica da Sociedade Española de Pastos, que se desenvolverá ata o venres co respaldo da área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo. Na apertura participou a deputada provincial Iria Castro, quen puxo en valor o compromiso da dirección do centro universitario coa transferencia de coñecemento e destacou a importancia de que a institución académica acolla encontros científicos que consolidan o seu papel como referente nos ámbitos agrogandeiro e forestal. Castro subliñou ademais a necesidade de integrar a investigación na xestión preventiva dos incendios, lembrando o documento con máis de cen medidas propostas que un grupo de expertos presentou no Parlamento de Galicia no ano 2018.

A cita, que leva por lema Os pastos como elemento vertebrador dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, contará con máis de sesenta comunicacións científicas arredor de seis eixos temáticos: biodiversidade e servizos ecosistémicos, pastos forestais, sistemas agrosilvopastorais e prevención de lumes, produción vexetal, produción animal e historia e economía agraria. Ademais, o programa inclúe relatorios e espazos de debate, así como a presentación por parte da Deputación do proxecto educativo Da Escola á Granxa e das axudas directas ao pastoreo a través da iniciativa O que non arde.

Tamén estivo presente a conselleira de Medio Rural, María José Gómez, quen defendeu a aposta decidida da Xunta polos pasteiros, lembrando que desde 2020 se investiron 10,5 millóns de euros e se mobilizaron 1.930 hectáreas no marco do Plan de Pastos de Galicia. Gómez destacou que nos últimos cinco anos se puxeron en marcha 80 pasteiros e que antes de finais de 2025 completaranse outros 26, con 519 hectáreas adicionais e un investimento de 4 millóns de euros.

A titular de Medio Rural definiu estes sistemas como un elemento vertebrador do territorio que contribúe a manter emprego, favorecer a remuda xeracional e preservar prácticas tradicionais como a transhumancia. Ademais, salientou o seu valor ambiental, xa que actúan como ecosistemas de alta biodiversidade, funcionan como sumidoiros de carbono, protexen o solo da erosión, regulan o ciclo da auga e axudan a previr lumes. Neste marco, puxo en valor o papel da Sociedade Española de Pastos como foro de investigación e transferencia de coñecemento no que participan universidades, administracións, gandeiros e xestores do territorio.

⚙ Configurar cookies
0.10434913635254