Inaugurada a escultura da muller peregrina na Praza do Carme de Lugo

A Praza do Carme de Lugo acolle a escultura da muller peregrina, peche simbólico dunha importante reforma que revitalizará o barrio e contribuirá á súa dinamización económica.
O acto de inauguración contou coa presenza do concelleiro de Dinamización Económica, Mauricio Repetto, xunto a varios concelleiros e concelleiras do Goberno Local, e o escultor Miguel Couto, creador da obra.
A escultura, realizada en bronce, está situada fronte á Porta Miñá, nun lugar emblemático onde se atopan dous dos patrimonios da humanidade máis relevantes de Lugo: a Muralla e o Camiño de Santiago, neste caso, a súa variante máis antiga, o Camiño Primitivo.
“A instalación desta peza, cunha muller peregrina como protagonista, simboliza a espiritualidade e a calma, conceptos que están moi ligados á cidade de Lugo e á súa relación co Camiño de Santiago", afirmou Repetto durante a súa intervención. "Así, a escultura tamén poñerá en valor a Muralla e a ruta primitiva", engadiu.
A intervención forma parte da estratexia DUSI Miramiñae, cuxa finalidade é conectar o centro histórico de Lugo co río Miño, mellorando a accesibilidade e dinamizando un dos barrios máis tradicionais da cidade. A remodelación da zona, xunto coa incorporación desta escultura, busca promover a posta en valor do patrimonio e fomentar a actividade social e económica do barrio do Carme.
Con esta nova obra, Lugo continúa afianzando a súa identidade como referente cultural e espiritual, poñendo en valor os elementos que definen a súa historia e a súa relación co Camiño de Santiago.