Inaugurada a exposición colectiva de pintura ‘Miradas de artistas’ en Lugo

LugoXa
A mostra estará aberta ao público na sala de exposicións da Delegación Territorial da Xunta ata o próximo 31 de marzo
Exposicion-8M-Xunta-Lugo
8 Mar 2025

A exposición colectiva de pintura ‘Miradas de artistas’, que ten ás mulleres como protagonistas, foi inaugurada na Delegación Territorial da Xunta en Lugo polo delegado territorial Javier Arias, xunto coa pintora e organizadora da actividade, Ana María Rodríguez (Anamá), sendo un dos actos organizados polo 8-M, Día Internacional da Muller.

A exposición está formada por unha corentena de traballos realizados por nove artistas galegas: Ana María Rodríguez (Anamá), Alejandra Aranzana, Carmen Prado, Concetta Montenegro, Helena Ayape, Isabel Rodríguez, Mercedes Arias, Luisa Paz Montenegro e Rosa Guisán. As obras, dunha gran diversidade estilística, foron creadas ao longo dos últimos anos e teñen en común o feito de ter as mulleres como centro das súas representacións, abordando diferentes orixes e realidades.

Nesta mostra, conviven imaxes de mulleres anónimas con outras de figuras recoñecidas internacionalmente como Frida Kahlo ou Rosalía de Castro, en representación da loita feminina e da súa relevancia na historia e na arte.

Durante a inauguración, Javier Arias animou ao público a visitar a exposición, sinalando que esta "reivindica o papel feminino na arte e recoñece a aquelas mulleres, coñecidas ou non, que loitan ou loitaron pola igualdade e que son todas elas fonte de inspiración para as novas xeracións".

A mostra estará aberta ao público na sala de exposicións da Delegación Territorial ata o próximo 31 de marzo, e promete ser unha oportunidade única para reflexionar sobre o importante papel da muller no mundo da arte.

⚙ Configurar cookies
0.10154509544373