Inaugurada a exposición 'Crear Porvir' en Lugo con motivo do 75 aniversario de Editorial Galaxia

Lugo acolleu a inauguración da exposición 'Crear porvir. 75 aniversario Editorial Galaxia' na Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos.
A mostra, que estará aberta ao público ata o 11 de maio de 2025, pode visitarse de luns a sábados en horario de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:30 horas, con entrada libre.
A exposición itinerante conmemora o 75 aniversario da histórica Editorial Galaxia e percorre a súa traxectoria desde a súa fundación en 1950, destacando o seu papel esencial na evolución cultural de Galicia e a súa proxección no ámbito internacional.
Comisariada polo catedrático Henrique Monteagudo, director da Cátedra Castelao da Universidade de Santiago de Compostela e recentemente nomeado presidente da Real Academia Galega, a mostra conta coa colaboración das profesorías María Dolores Villanueva Gesteira e Xosé Manuel Dasilva Fernández.
O proxecto destaca o labor de grandes autores e autoras como Castelao, Otero Pedrayo, Carlos Casares, Manuel Rivas, Fina Casalderrey, e moitos máis, así como dos editores Carlos Casares e Víctor F. Freixanes, e dos fundadores da editorial como Ramón Piñeiro e Francisco Fernández del Riego.
A mostra divídese en catro bloques temáticos que abordan a evolución literaria de Galicia, desde o Rexurdimento ata a xeración do novo milenio, así como o ensaio, a tradución, a proxección internacional do galego e a literatura infantil e xuvenil, onde Editorial Galaxia foi pioneira. Tamén se inclúe un espazo especial para o público infantil, convidándolles a descubrir a riqueza da literatura galega.
A exposición é unha oportunidade única para coñecer a historia dunha das editoriais máis relevantes de Galicia e o seu impacto na cultura e sociedade galega.