Inaugurada a exposición ‘Ritos e rituais de inverno’ con máscaras do Entroido tradicional portugués

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, deu apertura á exposición ‘Ritos e rituais de inverno’, instalada no Vello Cárcere, onde poderá visitarse ata o próximo 15 de maio.
A mostra reúne unha selección de oitenta e tres máscaras tramontanas, creadas por vinte e seis artesáns diferentes. As obras están vinculadas a trinta e catro celebracións ancestrais do Entroido tradicional, pertencentes á colección privada recompilada ao longo dos anos por Nuno Jorge Rodrigues Gonçalves.
As máscaras expostas proceden de diversas aldeas e localidades do Distrito de Bragança, en Portugal, unha zona que conserva un rico legado cultural de raíz antiga, que segue vivo grazas á súa ampla aceptación social na actualidade. A colección destaca polo seu valor artístico, histórico, formativo e antropolóxico.
Durante o acto inaugural, Maite Ferreiro animou á cidadanía “a achegarse a esta exposición e descubrir os rituais do Entroido Tradicional Portugués”.
O evento de apertura contou coa participación da profesora Pilar Panero García, directora da Cátedra de Estudos sobre a Tradición da Universidade de Valladolid e do proxecto europeo MASK, así como da profesora de Antropoloxía da Facultade de Humanidades do Campus de Lugo da USC, Elena Freire Paz.
A mostra está promovida pola Área de Antropoloxía Social e Cultural da Universidade de Santiago de Compostela, en coordinación coa AECT Duero-Douro, a Cámara Municipal de Torre de Moncorvo e a Academia da Máscara Ibérica. Lugo acolle agora esta exposición tras o seu percorrido por cidades como Zamora, Salamanca, Torre de Moncorvo (Portugal), Valladolid, Cáceres e Alfândega da Fé (Portugal).