Inaugurada a mostra 'Habitar o baleiro' no Museo Provincial de Lugo

LugoXa
A exposición reúne corenta imaxes capturadas polo fotógrafo Brais Lorenzo ao longo dunha década
Habitar-o-baleiro-Museo-de-Lugo
22 Feb 2025

O Museo Provincial de Lugo albergará ata o vindeiro 20 de abril a mostra Habitar o baleiro, un proxecto fotográfico e de textos do colectivo do mesmo nome, que se dedica a documentar o despoboamento e a vida no rural de Galicia.

A exposición reúne corenta imaxes capturadas polo fotógrafo Brais Lorenzo ao longo dunha década, no contexto do seu traballo de documentación do rural galego, principalmente nas provincias de Lugo e Ourense.

As fotografías van acompañadas de textos das xornalistas Claudia Morán, Lucía Abarrategui, Manolo Broa e Sergio Pascual, que xunto con audios e vídeos conforman unha experiencia inmersiva para o visitante.

A deputada de Cultura, que participou na presentación da mostra, destacou a importancia do proxecto, subliñando que “a contribución do proxecto a poñer no primeiro plano unha temática que nos interpela a todas e todos, vivamos onde vivamos. A despoboación impacta, por suposto e primeiro, nas condicións de vida das persoas que habitan eses lugares, pero tamén na conservación do territorio, do patrimonio, material e inmaterial, e na asignación de recursos públicos para garantir o acceso en igualdade a servizos básicos como a educación ou a sanidade.”

A exposición aborda temas como a soidade, o illamento ou o abandono en zonas con maior perda de poboación en Galicia, pero tamén ofrece unha visión máis positiva do rural, como a revalorización do sector primario ou o Entroido como ferramenta de reivindicación cultural e da protección do territorio. Entre os lugares documentados, atopamos concellos como Folgoso do Courel, Cervantes, Chantada ou A Fonsagrada.

A mostra ofrece unha reflexión profunda sobre os retos e as posibilidades do rural galego, sendo unha oportunidade para sensibilizar sobre a realidade do despoboamento e a importancia da súa preservación.

0.069102048873901