Inaugurada a sexta edición do congreso da UXT-FICA centrado nos desafíos da industria, construción e agro

A sexta edición do Congreso da Federación de Industria, Construción e Agro da UXT (UXT-FICA) quedou inaugurada este venres no Hotel Torre de Núñez, cunha ampla participación de representantes sindicais, profesionais e afiliados das distintas comarcas da provincia de Lugo.
O evento ten como obxectivo analizar os principais retos e oportunidades que enfrontan tres sectores estratéxicos da economía como son a industria, a construción e o agro.
Ao longo da xornada abordáronse cuestións como a necesidade dunha transición enerxética xusta, a incorporación da innovación tecnolóxica, o impulso á formación profesional ou o papel fundamental que segue a desempeñar o movemento sindical na defensa dos dereitos laborais.
Durante o acto de apertura, o deputado de Promoción Económica e Social da Deputación de Lugo, Pablo Rivera Capón, puxo en valor a importancia do sindicalismo como garante dun modelo produtivo sostible e con futuro. “A UXT é esencial para garantir que a modernización conleve máis dereitos e cohesión social”, afirmou Rivera Capón, quen tamén destacou os avances sociais acadados nos últimos anos grazas á colaboración entre sindicatos e institucións.
O congreso contou coa presenza de representantes de UXT-FICA tanto a nivel galego como estatal, así como coa participación activa de delegados e delegadas das distintas comarcas lucenses.